02/06/2021
Servizo pioneiro en Barbadás para asesorar á cidadanía nos trámites en liña e da Administración electrónica
Os xoves, de 11 a 13 h., na Casa da Mocidade
BARBADÁS PON EN MARCHA UN SERVIZO PIONEIRO DE ASESORAMENTO Á CIDADANÍA PARA RESOLVER DÚBIDAS NAS XESTIÓNS DOS SEUS TRÁMITES EN LIÑA DE USO HABITUAL
O lugar de atención ás persoas usuarias será os xoves na Casa da Mocidade entre as 11,00 e as 13,00 h
O servicio abrangue o asesoramento e formación individualizada no relativo aos trámites habituais do cidadán coa Administración electrónica
- Este servizo ponse en marcha a raíz das demandas da cidadanía ante o progresivo aumento de trámites telemáticos que implica o novo modelo de sociedade, indica Victoria Morenza, tenenta de alcalde do Concello de Barbadás.
- “Barbadás é un concello cunha media de idade de entre os 40-42 anos e unha tendencia da poboación a ter unha relación moi fluída vía telemática”, indica Morenza. Isto obriga en moitos casos que haxa unha serie de dúbidas en diferentes trámites e xestións de uso cotiá, polo que o Concello, escoitando esta demanda que existe na cidadanía, pon en marcha este servizo de apoio formativo.
- O Servizo de Apoio á Cidadanía habilítase para axudar a obter destreza nos trámites en liña e de Administración electrónica. É un proxecto piloto que o Concello de Barbadás pon en marcha e que actualmente, non existen noutras administracións.
- Barbadás “convértese unha vez máis nun concello pioneiro en servizos innovadores e modernos que sirvan para que a cidadanía gañe autonomía e estea máis conectada e máis ao día de todos os trámites burocráticos en liña”, sinala Morenza.
- Unha persoa estará ao fronte do servizo dando asesoramento individualizado, que se desenrolará na Casa da Mocidade, con cita previa, onde a cidadanía poderá acudir a resolver as dúbidas para aprender a realizar axeitadamente os seus trámites en liña (solicitude de subvencións, inscricións a través das sedes electrónicas, xestións coas distintas administracións -Sergas, Axencia Tributaria, Concellos…-.
- Morenza comenta que o motivo de facerse na Casa da Mocidade (rúa dos Diestros, 2, A Valenzá, preto das Oficinas Municipais) é por ser un centro que pretende ser dinamizador de este tipo de innovacións tecnolóxicas.
- Na rolda de prensa de prensa de hoxe, interveu tamén Ramón Selas, concelleiro de Promoción Económica que indicou que este servizo, promovido dende o C.E.T. (Centro Empresarial Transfronteirizo), dirixido por Lucía Rodríguez, “ponse en marcha, para dar autonomía á poboación no relativo ás xestións coas administracións públicas, principalmente. Esta é unha máis das múltiples actividades que o CET está a desenvolver para fomentar o uso das novas tecnoloxías ”.
- Selas indica que as distintas administracións públicas, entre as que se atopan a maior parte dos concellos de Galicia, xa dispoñen de sede virtual para tramitar xestións como a cita previa, o empadroamento, pagos de multas, trámites urbanísticos, etc., sen embargo, aínda hai un grande número de cidadáns que non utilizan a administración electrónica para estes trámites, por descoñecemento, sobre todo os nosos maiores, que se lle están a pedir que manexen unha tecnoloxía á que non están habituados.
- Non cabe dúbida que “ao comprobar os beneficios destas novas tecnoloxías, cambia totalmente a percepción que se ten cara elas. Despois de probar e ver as súas vantaxes e a mellora en redución de tempo e autonomía, que se gaña coa súa aplicación, polo que quen empeza a utilizalo, xa non quere volver atrás”.
- Para dar resposta e intentar axudar no posible á veciñanza nas dúbidas que lle poidan xurdir nas xestións en liña de tipo cotiá, dende a área de Promoción Económica, do Concello de Barbadás, “poñemos en marcha este servizo de asesoramento á cidadanía para que aprendan a realizar os trámites en liña de uso máis habitual, tanto en empresas como coas diferentes administración”.
- Este servizo estará aberto a calquera persoa do Concello que o necesite, independentemente da súa idade ou habilidades no eido da informática .
- Para facer uso deste servizo é preciso pedir cita previa no teléfono 988 36 04 13 ou a través do correo electrónico cet@barbadas.es.
- O asesoramento desenrolarase presencialmente, nunha área da Casa da Mocidade habilitada para elo, os xoves de 11,00 da mañá ás 13,00 horas durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro.