10/02/2026

Subvencións Programa Galicia Suma Talento: Emprégate, de incentivos á contratación na empresa ordinaria

O Diario Oficial de Galicia publica a Orde da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, do 29 de decembro de 2025, pola que se establecen as bases reguladoras do programa Galicia Suma Talento: Emprégate, de incentivos á contratación na empresa ordinaria, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento TR342C)

Entidades beneficiarias

Poderán ser entidades beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas que contraten persoas traballadoras por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e coas condicións que se establecen nesta orde. Tamén poden ser beneficiarios dos incentivos os centros especiais de emprego, excepto para subscribir contratos con persoas con discapacidade, e as empresas de inserción laboral, salvo para subscribir contratos con persoas en situación ou risco de exclusión social.

Obxecto

Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e convocar para o ano 2026 as axudas establecidas pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que favorezan a contratación de persoas desempregadas na empresa ordinaria e en entidades sen ánimo de lucro, especialmente daquelas que teñen maiores dificultades de inserción laboral.

A orde regula o programa Galicia Suma Talento: Emprégate (código de procedemento TR342C), de incentivos á contratación por conta allea dos colectivos vulnerables recollidos no artigo 24.1.a), a través dunha liña de incentivos á contratación por conta allea cuxas particularidades se recollen nesta orde, e que inclúe catro modalidades de axudas:

a) Incentivos á contratación indefinida inicial de persoas desempregadas.

b) Incentivos ao incremento de xornada das contratacións indefinidas, de tempo parcial a tempo completo.

c) Incentivos ao incremento da duración anual dos contratos fixos-descontinuos a un mínimo de 9 meses.

d) Axudas para a adaptación de postos de traballo de persoas con discapacidade.

e) Transformación en indefinidos dos contratos formativos subvencionados con cargo ao programa de primeira experiencia profesional (TR353C).

 Importe

Para a concesión destas axudas destínanse dezanove millóns setecentos mil euros (19.700.000 €), distribuídos do seguinte xeito:

– Persoas mozas: 4.000.000 €.

– Mulleres vítima de violencia de xénero e/ou vítima de trata de seres humanos, e mulleres con fillos e fillas menores de 3 anos, desempregadas de longa duración ou inactivas nos últimos 3 anos: 2.500.000 €.

– Mulleres en ocupacións masculinizadas: 1.200.000 €.

– Persoas desempregadas de longa duración e/ou persoas de 52 ou máis anos: 3.000.000 €.

– Persoas emigrantes retornadas e estranxeiras: 3.000.000 €.

– Persoas con discapacidade e/ou en risco ou en situación de exclusión social: 3.000.000 €.

– Persoas desempregadas que nos últimos 2 anos remataran accións de AFD, obradoiros de emprego ou programas integrados de emprego: 1.500.000 €.

– Persoas desempregadas que desenvolveran contratos formativos ao abeiro do programa de primeira experiencia profesional nos últimos 2 anos: 1.000.000 €.

– Para todos os colectivos anteriores, no caso de que a entidade beneficiaria sexa una entidade sen ánimo de lucro: 500.000 €.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará ás 9.00 horas do 17 de febreiro, e rematará ás 20.00 horas do 30 de setembro de 2026.

Data Adxuntos
10/02/2026 Subvencións Galicia Suma Talento Emprégate de incentivos á contratación PDF [988 KB]

Novas, Promoción económica

CONTENT.1773478798

SINGLE.1773478798