10/04/2023
Adeus aos obstáculos nas beirarrúas da Valenzá
O obxectivo deste proxecto é adecuar as beirarrúas para que sexa viable a circulación de carriños de bebés ou de compra, persoas con mobilidade reducida cun orzamento de case 160.000 euros
Barbadás proxecta a reforma das beirarrúas na Valenzá. As obras teñen como finalidade solucionar os problemas de pendente en moitas das rúas do municipio. O obxectivo deste proxecto é adecuar as beirarrúas para que sexa viable a circulación de carriños de bebés ou de compra, persoas con mobilidade reducida, eliminando na medida do posible todos aqueles elementos que interrompen a circulación.
Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás, asegura que “o Concello de Barbadás segue traballando na humanización e recuperación de gradados en mal estado, consecuencia da especulación urbanística de anteriores gobernos”.
“Esta recuperación e humanización pasa inicialmente por sustituir o pavimento de varias das beirarrúas de varias das zonas da Valenzá e proseguía coa recuperación do firme da Rúa das Burgas no entorno do Centro de Saúde e da Travesía do Viso”, engadiu.
Pola súa banda, Victoria Morenza, tenente alcalde e concelleira de Infraestrututuras, considera “un avance importante na accesibilidade a reforma das beirarrúas incluidas neste proxecto. A maior parte destas beirarrúas están ubicadas en lugares tradicionais da Valenzá e cuxos edificios e aceras están construidos dende hai máis de 30 anos. Este tipo de actuacións pretenden mellorar a accesibilidade e mobilidade da veciñanza e facilitar o tránsito peonil en lugares onde ata agora era dificultoso pola antiguidade das mesmas. Hai que ter en conta que boa parte da poboación que vive nestas rúas ten problemas de mobilidade”.
As dificultades fóronse resolvendo de maneira individual por parte tanto do concello como dos propietarios de solares e locais de planta baixa, o que levou á aparición de elementos de formigón ou metálicos para adaptar a pendente e facilitar o acceso a garaxes e locais en planta baixa, aparecen chanzos na beirarrúa, o que fai inviable o paso a toda persoa con mobilidade reducida, carriños de bebés ou de compra, e tendo en moitos casos que baixarse á calzada para poder pasar.
As obras que se realizarán son a realización de novas beirarrúas para a humanización dos percorridos peonís, tratando de minimizar as pendentes e adaptalas ás entradas de portais, locais, garaxes, etc.
A superficie total de actuación nas beirarrúas é de 1.805,10 m2 e o orzamento de execución por contrata é de 159.795,56 euros. Antes do comezo das obras retirarase todo tipo de mobiliario urbano e levará a cabo a retirada das beirarrúas e a escavación necesaria para a posterior construción das novas beirarrúas.
Colocaranse novas baldosas e eliminaranse os elementos que dificulten a circulación. Unha vez finalizadas as obras, procederase á colocación dos elementos de mobiliario urbano recuperados e garantirase a accesibilidade das novas beirarrúas para todas as persoas.
Ata o momento, as rúas de Salgueirños e Carris xa foron terminadas, mentres que en Picouto e Ensino atópanse na etapa final de execución. As seguintes zonas que serán obxecto destas melloras serán Areal, Bahamonde, Severo Ochoa e Garrida.