11/10/2024
O paseo do Parque da Liberdade estrea novo aspecto para ser máis accesible en cadeiras de rodas ou carros de bebés
O paseo do Parque da Liberdade muda definitivamente de aspecto co remate esta mesma semana das obras de reforma levadas a cabo durante os últimos meses por parte de Construcciones Viso.
A actuación consistiu na eliminación das barreiras existentes para mellorar a accesibilidade a unha zona moi frecuentada polas familias da Valenzá, a carón da avenida de Celanova. Para iso, retirouse o formigón existente, os sumidoiros e as raíces das árbores, formigonando de novo á vez que se colocaron novos sumidoiros e levantáronse as arquetas ata a cota do formigón, arranxando os tramos con lastras rotas.
Grazas a isto, hoxe é unha zona perfectamente accesible, especialmente para quen o faga en cadeira de rodas ou con carros de bebés.
“Agora pódese acceder con facilidade tanto dende o inicio coma dende o final do Parque. Isto favorece a mobilidade, accesibilidade e seguridade dos veciños e veciñas que pasean por esta zona”, valora Victoria Morenza, tenente alcalde de Barbadás.