Arquivo da etiqueta: CEIP O Ruxidoiro

31/05/2023

Corpos de Seguridade e Emerxencias exhibiranse en Barbadás cun gran despregamento de medios materiais e humanos

Venres, 2 de xuño, de 10:00 a 13:00 h nas inmediacións do polideportivo municipal (A Valenzá)

Barbadás-Actividade de Seguridade

No vindeiro venres,  2 de xuño, tres centros educativos de Barbadás, o CEIP O Ruxidoiro, CEIP Filomena Dato e o CPR Luis Vives, asistirán a  unha exhibición titulada “Medios de Seguridade e Emerxencias“, aberta ao público en xeral e que será especialmente emocionante para o alumnado.

  • A xornada, que terá lugar de 10:00h a 13:00h, nas inmediacións do Polideportivo Municipal en Os Carrís, contará coa participación de varios corpos de seguridade e emerxencias, incluíndo Garda Civil, Policía Nacional, Ambulancias “As Burgas”, os bombeiros de San Cibrao, Protección Civil de Barbadás e a Policía Local de Barbadás.

 

  • Estes profesionais do sector da seguridade e emerxencias, cada un experto no seu campo, compartirán o coñecementos e experiencias e mostrarán as últimas equipacións coas que contan para garantir a seguridade cidadá. Os asistentes terán a oportunidade de ver de preto motos de Seprona, un dron da Garda Civil, os técnicos en Busca e Localización de Artefactos Explosivos (TEBYL), cans adestrados, motos e coches furgón de transporte de presos. O elemento máis espectacular será a presencia do helicóptero de salvamento.

 

  • A xornada está deseñada para mostrar ao alumnado e á  cidadanía, unha visión práctica e en primeira persoa do traballo vital que estas organizacións realizan todos os días. Será unha oportunidade excepcional para que a veciñanza aprecie o traballo destes profesionais, así como para que aprendan máis sobre como estes servizos operan para manter a seguridade na nosa comunidade.

 

  • Aínda que as exhibicións terán lugar  para os alumnos dos centros educativos, esta actividade está aberta para todo o público. O Concello invita a toda a veciñanza a unirse a esta xornada de aprendizaxe e recoñecemento daqueles que traballan incansablemente para garantir a nosa seguridade.

Corpos de Seguridade e Emerxencias exhibiranse en Barbadás cun gran despregamento de medios materiais e humanos

Educación/Formación, Novas, , , , ,

CONTENT.1717009085

03/05/2023

O Concello adxudica a conversión dunha parcela residual do Ruxidoiro nun gran espazo natural para o ensino ao aire libre, teatro ou o xogo

O Centro educativo O Ruxidoiro, en Barbadás, transformarase co axardinamento e acondicionamento dunha zona verde no interior do centro, hoxe residual e sen uso algún. Cun orzamento de execución de máis de 13.000 euros, o proxecto, que xa foi adxudicado,  afecta a unha superficie de 1.920 metros cadrados que actualmente está libre de edificacións, é  propiedade municipal e  atópase  infrautilizada.

O obxectivo é poñer en valor unha zona que pode complementar e potenciar a actividade docente, así como o aspecto lúdico e de esparexemento no centro. Este novo espazo tamén poderá ser utilizado para a realización de actividades municipais, froito da colaboración entre o goberno local e a dirección do centro.

Para acadar este dobre obxectivo, contémplanse a construción dunha bancada corrida de madeira asentada sobre a topografía natural, facendo alusión aos teatros gregos. Esta bancada mirará cara a un espazo ovalado de area, no que se poderán realizar actividades teatrais, charlas e ensino ao aire libre o simplemente utilizar como espazo de xogo.

A actuación complétase cunha estacada de travesas que configurará unha sorte de cabana para usos varios (desde camerino ata lugar para xogos o simplemente para gardar materiais varios ou ferramentas), bancos e plantacións vexetais que conxugarán árbores, arbustos, plantas e céspede.

Xosé Carlos Válcarcel encadra esta actuación como unha mostra máis da aposta do Concello pola creación das mellores condicións posibles tanto para a educación como para o ocio dos e das estudantes de Barbadás.

Para Victoria Morenza, tenente alcalde, é un exemplo de colaboración entre a dirección do centro e o Concello de Barbadás, que tamén utilizará este novo espazo para a realización de actividades municipais.

Novas, , , ,

CONTENT.1717009085

27/03/2023

Barbadás dedica 70.000 euros á conciliación: servizos de mudas nos colexios, coidados antes das clases ou actividades despois

Os prezos que pagan as familias oscilan entre os 20 euros/mes do “Bos días”, os 3 euros/ano do espazo infantil ou a gratuidade do cambio de mudas por parte de persoal municipal nos centros

No Concello de Barbadás residen un gran número de familias novas con fillas e fillos menores, de feito é o concello más dinámico e mozo da provincia.

O goberno local é coñecedor das dificultades para poder conciliar familia, lecer e traballo, que son, algo que se convirte en moitos fogares nun crebacabezas continuo.

É por iso que desde a concellería de Educación, Cultura e Comercio, pilotada pola tamén deputada provincial Marga Pérez, Barbadás dedica cada ano preto de 70.000 euros a diferentes accións e servizos para facilitar a conciliación cada día, ademais das actividades estacionais, como os campamentos de verán ou os que se organizan durante os diferentes períodos de vacacións escolares, por exemplo durante a próxima Semana Santa.

En todo caso, os servizos permanentes para facilitar a conciliación son catro: “Bos días”, de atención temperá nos colexios antes do inicio das clases; “Servizo de Mudas”, no que persoal do propio Concello está nos colexios para cambiar de roupa a rapazada cantas veces sexa necesario; “Espazo infantil”, con 200 nenos e nenas, e o programa de actividades extra-escolares, durante 3 días á semana e nas que participan cada mes 180 alumnos e alumnas de ambos centros.

En total, estamos a falar de preto de 70.000 euros destinados a despregar unha das políticas bandeira deste Concello, como son as de conciliación, tal e como destaca a concelleira Marga Pérez. O número de usuarios e usuarias deste servizos supera os 500 ao mes, sen contar os campamentos de verán e os de vacacións, ni tampouco as mudas que se levan a cabo nos dous colexios, que en determinados momentos do curso superan as 150 aos mes pero que oscilan moito ao longo do mesmo.

Así, desde primeira hora da mañá e ata o comezo do horario lectivo, de 7:30 a 9:15, o concello ofrece a familias que traballen o servizo de “Bos días cole”, que permite que 120 nenos, entre os dous colexios do Concello, podan estar atendidos nos propios centros desde hora moi temperá e sen entorpecer os horarios laborais, un servizo polo que as familias pagan só 20 euros ao mes e ao que o Concello dedica 21.000 euros anuais. Tres monitores en cada colexio atenden aos nenos no que precisen.

Ademais, para os máis pequenos, o concello pon ao dispor dos pais, e de forma gratuíta, o “servizo de mudas escolares”, do que se ocupa durante todo o curso sendas persoas no CEIP Filomena Dato e no O Ruxidoiro. Aquí o número de usuarios é moi variable, pois ao comezo do curso no baixa de 8-10 mudas ao día, mentres que se vai reducindo co paso dos meses a medida que evoluciona a aprendizaxe dos nenos e nenas. Sen embargo, en momentos puntuais, como consecuencia dalgunha afección vírica, que é o máis habitual, estas cifras volven a dispararse.

O Concello tamén financia actividades extraescolares nos propios centros, tres días a semana, en quendas de 15:30 horas ata as 17:30 hora e coa mesma fin de facilitar a conciliación. En total, son 180 rapaces ao mes os que participan nestas actividades, que teñen un coste de so 5 euros ao mes para as familias, aportando o resto os Concello.

Un dos servizos estrela é o “Espazo Infantil”, que funciona cada día de 16:00 h a 20:00, con aulas específicas para nenos de entre 3 e 12 anos. O coste para as familias é de 3 euros ao ano.

Ademais das necesidades que durante o curso escolar teñen as familias para conciliar, o peor momento chega nas vacacións e a administración local, solidaria coas familias, organiza durante os meses de xullo e agosto campamentos rurais de 9:00 h a 14:00 h que permiten coñecer as parroquias e pequenos pobos. Esta mesma actividade tamén se celebra en Nadal e en Semana Santa, en ambos casos de balde.

Novas, , , , ,

CONTENT.1717009085

21/03/2023

80 nenos e nenas celebran o día da árbore plantando bidueiros e castaños no parque dos Carrís

80 nenas e nenos de terceiro de primaria dos CEIP Filomena Dato e O Ruxidoiro plantaron árbores de diferentes especies, bidueiros e castaños, no parque dos Carrís, na Valenzá, esta mañá para conmemorar O Día da árbore. Ademáis , leron e recitaron poemas polo Día da Poesía.

Esta actividad didáctica, e ao mesmo tempo de concienciación, foi organizada conxuntamente polas concellerías de Medio Ambente e Educación, coa colaboración dos colexios, coa intención de converter o día de hoxe nunha aprendizaxe para os nenos e as nenas co fin de transmitir valores de respeto ao seu entorno e á natureza.

Deste xeito, os cativos aprenderon hoxe a prantar unha árbore e tamén,  ao pe de cada un puxeron unha táboa cunha frase de poemas de Rosalía de Castro ademais da súa pegada.

Ao acto asistiron, en representación do goberno local, a concelleira de Educación, Cultura e Comercio e diputada provincial, Marga Pérez; a tenente alcalde, Victoria Morenza; o concelleiro de Deportes, Abel Cortés e, a concelleira de Igualdade, Elisabet González, que amosaron coa súa participación, unha vez máis, o compromiso deste Concello co Medio Ambente, o cambio climático e a cultura.

Así, esta actividade, que tivo como protagonistas aos máis cativos, foi elexida polo Concello como acto central deste día e lanza unha mensaxe institucional de mentalización sobre a importancia da conservación dos bosques destacando que é fundamental a necesidade da súa protección.

Novas, , , , , , ,

CONTENT.1717009085