24/03/2023
Barbadás será capital galega das artes marciais con 200 nenos e nenas competindo no Campionato escolar de Kung-Fu
O club local desta disciplina leva funcionando desde o ano 95 e participará nesta competición con 12 deportistas
O alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, e o concelleiro de Deportes, Abel Cortés, acompañados de Alfonso López, director do campionato e responsable do Club de Kung-Fu Barbadas, presentaron esta mañá o XVll Campionato de Galicia Escolar Individual de Kung – Fu, que se celebrará este sábado a partir das 17:00 h no Polideportivo de Barbadás.
Valcárcel sinalou o orgullo que significa para Barbadás que se leve celebrando desde hai tantos anos, desde 2008, este campionato no noso concello e destacou o compromiso do seu goberno coa promoción do deporte, especialmente en idades temperás, poñendo o acento no clube de fútbol UD de Barbadás.
O alcalde fixo un breve percorrido pola historia do clube de Kung-Fu Barbadás, que leva funcionando desde o 95, e que desde esa data participou en numerosos campionatos, resultando galardoado en moitísimas ocasións. Actualmente a escola conta con 50 alumnos e alumnas de distintas idades, desde os 5 ata os 18 anos.
Pola sua banda, o concelleiro de Deportes, Abel Cortés, eloxiou a boa organización que demostra cada ano a Federación Galega de Kung-Fu todos os anos na organización deste evento, ao que a escola de Kung-Fu Barbadás aporta, ano tras ano, unha nutrida representación.
Alfonso López concretou, seguindo o argumento, que serán 12 as nenas e nenos pertencentes ao clube de Barbadás os que participen este sábado no campionato, cunha expectativa elevada de obter bos resultados, como ten ocorrido nos anteriores.
O director do campionato sinalou que nesta edición participan arredor de 200 deportistas, con idades comprendidas entre os 8 e 21 anos, pertencentes a trece clubes de toda Galicia.