31/05/2023
Corpos de Seguridade e Emerxencias exhibiranse en Barbadás cun gran despregamento de medios materiais e humanos
Venres, 2 de xuño, de 10:00 a 13:00 h nas inmediacións do polideportivo municipal (A Valenzá)
No vindeiro venres, 2 de xuño, tres centros educativos de Barbadás, o CEIP O Ruxidoiro, CEIP Filomena Dato e o CPR Luis Vives, asistirán a unha exhibición titulada “Medios de Seguridade e Emerxencias“, aberta ao público en xeral e que será especialmente emocionante para o alumnado.
- A xornada, que terá lugar de 10:00h a 13:00h, nas inmediacións do Polideportivo Municipal en Os Carrís, contará coa participación de varios corpos de seguridade e emerxencias, incluíndo Garda Civil, Policía Nacional, Ambulancias “As Burgas”, os bombeiros de San Cibrao, Protección Civil de Barbadás e a Policía Local de Barbadás.
- Estes profesionais do sector da seguridade e emerxencias, cada un experto no seu campo, compartirán o coñecementos e experiencias e mostrarán as últimas equipacións coas que contan para garantir a seguridade cidadá. Os asistentes terán a oportunidade de ver de preto motos de Seprona, un dron da Garda Civil, os técnicos en Busca e Localización de Artefactos Explosivos (TEBYL), cans adestrados, motos e coches furgón de transporte de presos. O elemento máis espectacular será a presencia do helicóptero de salvamento.
- A xornada está deseñada para mostrar ao alumnado e á cidadanía, unha visión práctica e en primeira persoa do traballo vital que estas organizacións realizan todos os días. Será unha oportunidade excepcional para que a veciñanza aprecie o traballo destes profesionais, así como para que aprendan máis sobre como estes servizos operan para manter a seguridade na nosa comunidade.
- Aínda que as exhibicións terán lugar para os alumnos dos centros educativos, esta actividade está aberta para todo o público. O Concello invita a toda a veciñanza a unirse a esta xornada de aprendizaxe e recoñecemento daqueles que traballan incansablemente para garantir a nosa seguridade.