Arquivo da etiqueta: Marga Pérez

27/03/2023

Barbadás dedica 70.000 euros á conciliación: servizos de mudas nos colexios, coidados antes das clases ou actividades despois

Os prezos que pagan as familias oscilan entre os 20 euros/mes do “Bos días”, os 3 euros/ano do espazo infantil ou a gratuidade do cambio de mudas por parte de persoal municipal nos centros

No Concello de Barbadás residen un gran número de familias novas con fillas e fillos menores, de feito é o concello más dinámico e mozo da provincia.

O goberno local é coñecedor das dificultades para poder conciliar familia, lecer e traballo, que son, algo que se convirte en moitos fogares nun crebacabezas continuo.

É por iso que desde a concellería de Educación, Cultura e Comercio, pilotada pola tamén deputada provincial Marga Pérez, Barbadás dedica cada ano preto de 70.000 euros a diferentes accións e servizos para facilitar a conciliación cada día, ademais das actividades estacionais, como os campamentos de verán ou os que se organizan durante os diferentes períodos de vacacións escolares, por exemplo durante a próxima Semana Santa.

En todo caso, os servizos permanentes para facilitar a conciliación son catro: “Bos días”, de atención temperá nos colexios antes do inicio das clases; “Servizo de Mudas”, no que persoal do propio Concello está nos colexios para cambiar de roupa a rapazada cantas veces sexa necesario; “Espazo infantil”, con 200 nenos e nenas, e o programa de actividades extra-escolares, durante 3 días á semana e nas que participan cada mes 180 alumnos e alumnas de ambos centros.

En total, estamos a falar de preto de 70.000 euros destinados a despregar unha das políticas bandeira deste Concello, como son as de conciliación, tal e como destaca a concelleira Marga Pérez. O número de usuarios e usuarias deste servizos supera os 500 ao mes, sen contar os campamentos de verán e os de vacacións, ni tampouco as mudas que se levan a cabo nos dous colexios, que en determinados momentos do curso superan as 150 aos mes pero que oscilan moito ao longo do mesmo.

Así, desde primeira hora da mañá e ata o comezo do horario lectivo, de 7:30 a 9:15, o concello ofrece a familias que traballen o servizo de “Bos días cole”, que permite que 120 nenos, entre os dous colexios do Concello, podan estar atendidos nos propios centros desde hora moi temperá e sen entorpecer os horarios laborais, un servizo polo que as familias pagan só 20 euros ao mes e ao que o Concello dedica 21.000 euros anuais. Tres monitores en cada colexio atenden aos nenos no que precisen.

Ademais, para os máis pequenos, o concello pon ao dispor dos pais, e de forma gratuíta, o “servizo de mudas escolares”, do que se ocupa durante todo o curso sendas persoas no CEIP Filomena Dato e no O Ruxidoiro. Aquí o número de usuarios é moi variable, pois ao comezo do curso no baixa de 8-10 mudas ao día, mentres que se vai reducindo co paso dos meses a medida que evoluciona a aprendizaxe dos nenos e nenas. Sen embargo, en momentos puntuais, como consecuencia dalgunha afección vírica, que é o máis habitual, estas cifras volven a dispararse.

O Concello tamén financia actividades extraescolares nos propios centros, tres días a semana, en quendas de 15:30 horas ata as 17:30 hora e coa mesma fin de facilitar a conciliación. En total, son 180 rapaces ao mes os que participan nestas actividades, que teñen un coste de so 5 euros ao mes para as familias, aportando o resto os Concello.

Un dos servizos estrela é o “Espazo Infantil”, que funciona cada día de 16:00 h a 20:00, con aulas específicas para nenos de entre 3 e 12 anos. O coste para as familias é de 3 euros ao ano.

Ademais das necesidades que durante o curso escolar teñen as familias para conciliar, o peor momento chega nas vacacións e a administración local, solidaria coas familias, organiza durante os meses de xullo e agosto campamentos rurais de 9:00 h a 14:00 h que permiten coñecer as parroquias e pequenos pobos. Esta mesma actividade tamén se celebra en Nadal e en Semana Santa, en ambos casos de balde.

Novas, , , , ,

CONTENT.1713426834

24/03/2023

Un versátil Obradoiro de Emprego rehabilita o lavadoiro de As Quintas, construe hoteis para insectos ou fai traballos forestais

A iniciativa, que ten como obxectivo fomentar a inserción laboral e da que forman parte 12 alumnos de Barbadás, comezou os seus traballos no mes de novembro

Aínda que o Concello de Barbadás ten unha taxa de paro moi inferior ao resto da provincia de Ourense, o goberno local traballa na formación das persoas desempregadas a través de Obradoiros de Emprego nos que os participantes reciben unha cualificación profesional ao mesmo tempo que desenvolven un traballo en actividades de utilidade pública ou de interese social.

Así, o pasado mes de novembro comezou no Centro Empresarial Transfronteirizo de Barbadás o Obradoiro Dual de Emprego dos Concellos de Barbadás, Taboadela, Toén e San Cibrao. Barbadás achega 12 alumnos, Taboadela 4 e Toén e San Cibrao das Viñas, 2 alumnos por concello. En total, 20 alumnos que dende entón reciben formación diaria en actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e en operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización.

Actuacións no Concello de Barbadás

No módulo de albanelería os alumnos realizan traballos de acondicionamento, conservación, mantemento e rehabilitación do lavadoiro público situado no lugar de As Quintas, en Piñor ademais da limpeza, despexe e roza da contorna do lavadoiro.

No módulo forestal, están a realizarse labores forestais  de roza e limpeza de terreos por medios manuais e mecánicos; retirada e provisión da terra vexetal por medios manuais e mecánicos, incluído o depósito nos bordos para a súa posterior reutilización.

Ademais, as persoas que participan nos talleres realizan poda selectiva de árbores medianas e grandes, con provisión de material para o seu posterior traslado;  limpeza de leitos e desaugadoiros con medios manuais en terreo brando con vexetación media e retirada de elementos que invadan a calzada.

O alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, e as concelleiras Marga Pérez e Victoria Morenza, realizaron unha visita ás zonas nas que se está traballando.

Nos Concellos de San Cibrao, Taboadela e Toén, os módulos están a traballar en labores similares de rehabilitación de lavadoiros e de limpeza e mellora de camiños. 

Hotel para insectos

Ademais destes labores, os participantes nestes talleres construíron unha novidosa iniciativa. Trátase dun “hotel para insectos”, situado no Centro Empresarial Transfronteirizo de Barbadás, co fin de axudar a protexer a especies como, por exemplo, crisopas, mariquitas e abellas, xa que se lles proporciona acubillo ante depredadores e as inclemencias do tempo, ademais de facilitar a polinización das plantas, axudando a incrementar a súa produción.

Este tipo de construcións axudan a controlar a presenza de pragas nos xardíns, hortas e cultivos de maneira totalmente natural, sen ter que recorrer a produtos químicos

Dende o Concello de Barbadás confían en que coa formación que reciben as persoas que forman parte desta iniciativa, unha vez terminado o taller e obtido o certificado de profesionalidade, consigan atopar emprego. Tamén destacan a importancia da colaboración institucional entre os concellos e a importancia deste tipo de iniciativas para fomentar o emprego e a inserción laboral.

Novas, , , , ,

CONTENT.1713426834

21/03/2023

80 nenos e nenas celebran o día da árbore plantando bidueiros e castaños no parque dos Carrís

80 nenas e nenos de terceiro de primaria dos CEIP Filomena Dato e O Ruxidoiro plantaron árbores de diferentes especies, bidueiros e castaños, no parque dos Carrís, na Valenzá, esta mañá para conmemorar O Día da árbore. Ademáis , leron e recitaron poemas polo Día da Poesía.

Esta actividad didáctica, e ao mesmo tempo de concienciación, foi organizada conxuntamente polas concellerías de Medio Ambente e Educación, coa colaboración dos colexios, coa intención de converter o día de hoxe nunha aprendizaxe para os nenos e as nenas co fin de transmitir valores de respeto ao seu entorno e á natureza.

Deste xeito, os cativos aprenderon hoxe a prantar unha árbore e tamén,  ao pe de cada un puxeron unha táboa cunha frase de poemas de Rosalía de Castro ademais da súa pegada.

Ao acto asistiron, en representación do goberno local, a concelleira de Educación, Cultura e Comercio e diputada provincial, Marga Pérez; a tenente alcalde, Victoria Morenza; o concelleiro de Deportes, Abel Cortés e, a concelleira de Igualdade, Elisabet González, que amosaron coa súa participación, unha vez máis, o compromiso deste Concello co Medio Ambente, o cambio climático e a cultura.

Así, esta actividade, que tivo como protagonistas aos máis cativos, foi elexida polo Concello como acto central deste día e lanza unha mensaxe institucional de mentalización sobre a importancia da conservación dos bosques destacando que é fundamental a necesidade da súa protección.

Novas, , , , , , ,

CONTENT.1713426834

16/03/2023

Barbadás ampliará o polideportivo cunha cuberta na planta superior para atender a demanda dunha poboación que non para de medrar

En contra da tendencia da curva demográfica da maioría dos municipios da provincia de Ourense, Barbadás medra e tamén medran as súas necesidades. O goberno local, encabezado polo alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, consciente deste incremento poboacional tenta cubrir esas necesidades con novos servizos e infraestruturas ou ben ampliando as existentes.

Este último é o caso do proxecto presentado hoxe, xunto ao concelleiro de Deportes, Abel Cortés, e un dos arquitectos de maior prestixio do país,  Alfredo Freixedo Alemparte, que firma a ampliación sostible do Polideportivo municipal da localidade, que gañará preto de 700 metros cadrados, ofrecerá novas instalacións e servizos e mellorará a súa accesibiliade.

Valcárcel explicou que “o obxectivo é a ampliación dun Polideportivo que ten case 12 anos e que se fixo pensando en pequeno, sen contar co que está a ocurrir en Barbadás durante os últimos anos, que é o seu continuo crecemento poboacional”, o que xa ten situado a Barbadás por enriba de moitas vilas históricas da provincia.  Engadiu, ademáis, que “a veciñanza do noso concello é moi nova,  ten inquedanzas deportivas e demanda infraestruturas e servizos que desde o goberno local queremos atender”.

O proxecto de ampliación, tal e como relatou o alcalde, ten compromisos firmes de financiación, estando so pendiente da convocatoria do plan marco de infraestructuras deportivas da Xunta de Galicia. O primeiro compromiso foi do anterior presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, e o último, do presidente da Deputación, Manuel Baltar. Así, a Xunta aportará 40% do orzamento, a mesma porcentaxe que a Diputación, correspóndendolle ao Concello o 20% restante”.

Asegurada a financiación, o alcalde de Barbadás presentou hoxe este proxecto como “un compromiso cumprido e previamente adquirido coa cidadanía” e un exemplo dos beneficios da colaboración entre institucións. Precisamente, en este aspecto, o goberno local de Barbadás está ser un exemplo, pois onte mesmo presentou outro proxecto elaborado e impulsado conxuntamente cos concellos de San Cibrao e A Merca para actuar sobre os espazos fluviais dos tres municipios.

O concelleiro de Deportes, Abel Cortés, asegurou que esta ampliación “cubre unha gran demanda e unha gran necesidade da veciñanza de Barbadás” e engadiu que “as instalacións actuais  estanse a quedar pequenas para o noso Concello tendo en conta os polo menos 800 usuarios que utilizan as instalacións deportivas”.

O arquitecto que desenvolveu o proxecto, Alfredo Freixedo Alemparte, explicou polo miúdo as obras que se contemplan e dixo que “se trata de intervir na cuberta do mesmo para unha ampliación de volume do polideportivo cunha  estrutura lixeira. O uso adicarase a actividades deportivas, actualmente moi demandadas polos cidadáns de Barbadás e concretamente no núcleo máis poboado e próximo ao polideportivo, que é A Valenzá”.

No proxecto contémplase una ampla zona de vestiarios e duchas, un ximnasio, unha sala de usos múltiples para danza e práctica de ximnasia dirixida e unha zona cuberta aberta con acceso ao final do corredor de comunicación.

Inclúe tamén a instalación de climatizadores, bombas de calor con aerotermia ou paneis solares, nunha aposta pola sostibilidade da instalación.

Novas, , , , ,

CONTENT.1713426834

09/03/2023

A Escola Municipal de Música de Barbadás enche de solidariedade e música o Conservatorio de Ourense

Un ano máis, e xa van oito, a Escola Municipal de Música de Barbadás, coa colaboración do Concello,  amosa o seu lado máis amable coa celebración do Festival Solidario, este ano dedicado aos enfermos de lupus. A cita será este próximo sábado, 11 de marzo, ás 19:00 horas no Auditorio do Conservatorio de Ourense.

Esta mañá o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel;  e a concelleira de Educación, Cultura e Comercio, Marga Pérez; acompañados da presidenta da Asociación Galega de Lupus (ASGAL), Nuria Carballeda; o director escola de música Xoan Manuel Xil, e o vicedirector do Conservatorio Musica de Ourense, José Manuel Valugo, presentaron no Concello o Festival deste ano.

Valcárcel destacou na presentación que “Barbadás ven facendo dende fai anos un Paseo pola Saúde no que conta con estes colectivos que teñen menos visibilidade, en canto a patoloxías, e sinalou que o Festival é unha aposta máis para colaborar con eles”. Tamén subliñou que esta actividade é un xeito de “inculcar os valores da solidariedade entre o alumnado”.

Ademais, o alcalde agradeceu ao alumnado e ao profesorado da escola de música que participan no festival e “a súa boa disposición sempre a participar nas actividades do Concello”.

Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Marga Pérez, explicou que o festival “faise sempre cun fin solidario e altruísta, ofrecendo un concerto para reunir fondos para algunha asociación que consideremos que precisa apoio e colaboración, neste caso a Asociación Galega de Lupus”.  “É unha actividade enmarcada no calendario escolar da Escola de Música Municipal de Barbadás”, engadiu.

Ademais, Marga Pérez agradeceu ao Conservatorio de Ourense “as facilidades que sempre nos brindan para levar a cabo este Festival, e ao Centro Comercial Ponte Vella de Ourense pola súa complicidade ao prestarnos a súa infraestrutura para poñer as entradas a disposición do público” e recordou que para os que non poidan asistir, existe unha fila cero para poder aportar e axudar á Asociación ASGAL.

A presidenta de ASGAL Nuria Carballeda agradeceu á Escola de Música e ao Concello que puxeran o foco na súa asociación para celebrar este festival: “É importante para nós que se nos dea visibilidade, porque canto máis se coñeza desta enfermidade, mellor para nós, porque axudará a que haxa máis investigación e saian novos tratamentos”.

Novas, , , ,

CONTENT.1713426834