Arquivo da etiqueta: Obradoiro Dual de Emprego

13/01/2025

O CET Barbadás pecha o 2024 cun éxito rotundo nas accións formativas

  • Organizáronse 14 accións formativas das que se beneficiaron máis de 200 participantes, axudando ademais á inserción de mulleres en sectores tradicionalmente masculinizados

A Concellería de Promoción Económica, Turismo e Formación do Concello de Barbadás culminou o ano 2024 cumprindo amplamente o obxectivo de fomentar a inserción laboral no marco socioeconómico actual. Ao longo do ano, a Área de Formación do CET Barbadás organizou 14 accións formativas que beneficiaron a 222 participantes, combinando teoría e práctica para mellorar as competencias profesionais.

 

Prioridade aos colectivos máis vulnerables

As actividades formativas enfocáronse principalmente en persoas desempregadas, maiores, mulleres e colectivos en risco de exclusión social. Cunha participación do 53,6% de mulleres, destacouse a súa inserción en sectores tradicionalmente masculinizados. Ademais, apostouse por reducir a fenda dixital na poboación rural mediante programas de aprendizaxe en colaboración coa Fundación Cibervoluntarios.

 

Accións formativas destacadas

Entre os cursos e talleres realizados ao longo do 2024, destacan:

  • Taller ExpertClick e Obradoiro de Apps para maiores de 55 anos: Programas dirixidos a mellorar a independencia dixital, ensinando dende a banca online ata o uso de aplicacións móbiles.
  • Curso de manipulación de alimentos: Tres edicións para cubrir a alta demanda nos sectores de hostalería e alimentación.
  • Cursos profesionalizantes: Como operador/a de carretilla elevadora e plataforma elevadora, con múltiples edicións pola gran demanda.
  • Cursos de coidados básicos a persoas dependentes e cursos de cociña creativa, apostando pola formación práctica e innovadora.

 

Alta demanda e continuidade en 2025

As actividades formativas tiveron unha excelente acollida, con listas de espera en varios cursos. Por este motivo, dende a Concellaría de Promoción Económica, Turismo e Formación de Barbadás anuncian que en 2025 continuarán coa mesma liña de traballo, afondando na dixitalización e na especialización profesional.

O Centro de Emprego e Tecnoloxía (CET) Barbadás consolidouse como un referente na formación orientada ao emprego, destacando pola súa capacidade de adaptación ás necesidades do mercado laboral e pola inclusión de colectivos vulnerable

Educación/Formación, Igualdade, Novas, , , , , ,

CONTENT.1736851518

24/03/2023

Un versátil Obradoiro de Emprego rehabilita o lavadoiro de As Quintas, construe hoteis para insectos ou fai traballos forestais

A iniciativa, que ten como obxectivo fomentar a inserción laboral e da que forman parte 12 alumnos de Barbadás, comezou os seus traballos no mes de novembro

Aínda que o Concello de Barbadás ten unha taxa de paro moi inferior ao resto da provincia de Ourense, o goberno local traballa na formación das persoas desempregadas a través de Obradoiros de Emprego nos que os participantes reciben unha cualificación profesional ao mesmo tempo que desenvolven un traballo en actividades de utilidade pública ou de interese social.

Así, o pasado mes de novembro comezou no Centro Empresarial Transfronteirizo de Barbadás o Obradoiro Dual de Emprego dos Concellos de Barbadás, Taboadela, Toén e San Cibrao. Barbadás achega 12 alumnos, Taboadela 4 e Toén e San Cibrao das Viñas, 2 alumnos por concello. En total, 20 alumnos que dende entón reciben formación diaria en actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e en operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización.

Actuacións no Concello de Barbadás

No módulo de albanelería os alumnos realizan traballos de acondicionamento, conservación, mantemento e rehabilitación do lavadoiro público situado no lugar de As Quintas, en Piñor ademais da limpeza, despexe e roza da contorna do lavadoiro.

No módulo forestal, están a realizarse labores forestais  de roza e limpeza de terreos por medios manuais e mecánicos; retirada e provisión da terra vexetal por medios manuais e mecánicos, incluído o depósito nos bordos para a súa posterior reutilización.

Ademais, as persoas que participan nos talleres realizan poda selectiva de árbores medianas e grandes, con provisión de material para o seu posterior traslado;  limpeza de leitos e desaugadoiros con medios manuais en terreo brando con vexetación media e retirada de elementos que invadan a calzada.

O alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, e as concelleiras Marga Pérez e Victoria Morenza, realizaron unha visita ás zonas nas que se está traballando.

Nos Concellos de San Cibrao, Taboadela e Toén, os módulos están a traballar en labores similares de rehabilitación de lavadoiros e de limpeza e mellora de camiños. 

Hotel para insectos

Ademais destes labores, os participantes nestes talleres construíron unha novidosa iniciativa. Trátase dun “hotel para insectos”, situado no Centro Empresarial Transfronteirizo de Barbadás, co fin de axudar a protexer a especies como, por exemplo, crisopas, mariquitas e abellas, xa que se lles proporciona acubillo ante depredadores e as inclemencias do tempo, ademais de facilitar a polinización das plantas, axudando a incrementar a súa produción.

Este tipo de construcións axudan a controlar a presenza de pragas nos xardíns, hortas e cultivos de maneira totalmente natural, sen ter que recorrer a produtos químicos

Dende o Concello de Barbadás confían en que coa formación que reciben as persoas que forman parte desta iniciativa, unha vez terminado o taller e obtido o certificado de profesionalidade, consigan atopar emprego. Tamén destacan a importancia da colaboración institucional entre os concellos e a importancia deste tipo de iniciativas para fomentar o emprego e a inserción laboral.

Novas, , , , ,

CONTENT.1736851518