05/05/2023
O proxecto para transformar o Parque Lucinda nun espazo saudable contempla un miradoiro e tres bancadas para deporte, xogos e lecer
Na súa calidade de membro da Rede Española de Cidades Saudables, o Concello de Barbadás redactou e remitiu á Federación Española de Municipios e provincias (Femp)o proxecto para a remodelación do Parque Lucinda, co obxectivo de converter este espazo nun lugar saudable. A financiación correrá a cargo do Fondo de Recuperación e Resiliencia, grazas a un convenio-programa entre o Ministerio de Sanidade e a propia Femp.
Emprazado na rúa do Cobo, no Fonsillón, a actuación contempla a habilitación de novas zonas tanto para a práctica deportiva ao aire libre como para o lecer.
Así, o proxecto elaborado por un equipo redactor experto en deseño de espazos urbanos, arquitectónicos e mobilidade, inclúe a reparación da pista multideporte existente, xunto coa creación dunha área de descanso con mesas e bancos e a dotación para un pequeno parque infantil. Todo elo sobre unha superficie de case 1.000 metros cadrados (982 exactamente), con forma rectangular e escalonada que transformará o Parque Lucinda nun espazo interxeracional, no que persoas de todas as idades poderán convivir e gozar xuntas.
Debido precisamente á topografía da parcela, o parque resultante articúlase en tres bancadas: unha superior coa pista multideporte, outra intermedia na que se instalará o parque infantil pechado e por último a bancada inferior, que tamén será miradoiro e se comunicará con anterior a través dunhas escaleiras.
A actuación ten un orzamento de preto de 54.000 euros, establecéndose un prazo de execución de 3 meses desde a licitación do mesmo.
O deseño do mesmo responde a intención de satisfacer as necesidades da poboación da zona, tanto deportivas como de lecer.