Xosé Carlos Valcárcel: “Trátase dun proxecto transversal que afecta á cultura, ao patrimonio material e ao urbanismo, que ten un orzamento de máis de 1.300.000 euros e xa que espertou o interese do Ministerio de Cultura”
O acalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, xunto coa tenente alcalde, Victoria Morenza, e o escritor David González Couso, estudoso da figura e obra de Carmen Martín Gaite, presentaron esta mañá no Pazo de Lemos, en Piñor, o “Plan Director do Roteiro Carmen Martín Gaite en Piñor”.
O obxectivo é erixir a Piñor na capital do universo vital e literario dunha escritora universal, gañadora do premio Príncipe de Asturias das letras e unha das plumas más recoñecidas en lingua española e, ao tempo, máis descoñecida en Ourense pese aos seus estreitos vínculos con Piñor, un lugar que ocupa un lugar central na súa vida e na súa literatura.
A presentación deste ambicioso proxecto, que xa conta co aval inicial do Ministerio de Cultura, tivo lugar no Pazo de Lemos, no mesmo Piñor, que linda coa casa na que Martín Gaite pasou os seus veráns de nena. Uns veráns, unha casa, un pazo e una localidade que a marcaron para sempre. Por iso, tanto o alcalde como a tenente alcalde de Barbadás empezaron a presentación deste proxecto agradecendo aos propietarios e habitantes do Pazo de Lemos algo tan excepcional como que abriran as portas da súa morada para esta presentación.
Valcárcel explicou que xa se puxo en contacto co ministro de Cultura, Miquel Iceta, para trasladarlle o proxecto e que xa iniciaron contactos coa Dirección Xeral do Libro “porque están sumamente interesados neste proxecto”. “Un proxecto transversal que non so afecta á cultura se non tamén ao patrimonio material e ao urbanismo e que ten un orzamento de máis de 1.300.000 euros”, sinalou.
O alcalde tamén suliñou que se trata “dunha aposta en defensa do feminismo e do que representa Piñor na vida e obra de Martín Gaite”.
A tenente alcalde de Barbadás, Vitoria Morenza, destacou a relación entre a narrativa de Carmen Martin Gaite e o pobo de San Lourenzo de Piñor, en Barbadás. “Trátase dunha historia pouco coñecida, impulsada polo escritor David González Couso e o plan director elaborado polo periodista e investigador Luís Congil”, explicou.
O proxecto pretende dar a coñecer a figura de Carmen Martín Gaite e a súa relación con Piñor, así como os tesouros agochados da zona. “A fervenza do Pisco e o camiño dos Muíños, sobre os que xa existen proxectos de actuación, son dous dos principais tesouros de Barbadás que se queren destacar con esta proposta”, engadiu Morenza.
A tenente alcalde avanzou que “o pistoletazo de saída deste macroproxecto será en abril, co motivo do mes das letras galegas, e consistirá nunha andaina na que percorreremos por primeira vez esta ruta literaria, que é un dos obxectivos desde proxecto que hoxe presentamos”.
O centro de interpretación, no campo de Roma, será outro dos elementos máis destacados desde proxecto. Haberá unha serie de elementos con imaxes de xogos infantís e citas de Carmen Martin Gaite, así como o cilindro das letras que se instalará en Parada, na Capela de San Benito e na Cova de Lobo.
Tamén se instalarán bancos literarios en lugares estratéxicos dos itinerarios culturais, como na zona da Santa, onde está a Capela das Nieves, e á beira da casa na que Carmen Gaite pasou os seus veráns de nena. Ademais, preténdese que o roteiro literario de Carmen Martin Gaite sexa un referente nacional a nivel de turismo cultural e literario, que nos centros educativos do concello se estude á escritora con unidades pedagóxicas específicas e que se traduzan ao galego as novelas que dun ou outro xeito teñen relación con Piñor.
O plan pretende desenvolver as actuacións necesarias para poñer en valor e potenciar este roteiro literario, que se incluirá nos roteiros literarios do Ministerio de Educación e Formación Profesional.
O Plan Director establece seis obxectivos operativos que van desde a xeración dos itinerarios literarios, materializar a relación de “Carmiña” con Piñor, capitalizar en Barbadás a data de 2025, centenario da escritora, e obter o apoio das institucións académicas, especialmente da UNED.
Pola súa banda, o escritor David González Couso, manifestou a súa satisfacción pola elaboración deste proxecto para “rescatar esta ruta literaria de tanta importancia” e agradeceu ao goberno local a iniciativa e aos donos do pazo de Lemos que abriran hoxe “as portas deste espacio de liberdade e da memoria”.
Ademáis, González Couso aproveitou a ocasión para explicar que hai unha páxina web co nome de “Piñor lugar literario” e tamén contou que xa hai unidades didácticas que se están a distribuir nos centros interesados e que se están a planear rutas literarias con colexios e clubs de lectura.