Arquivo da etiqueta: Reciclaxe

10/04/2023

Barbadás súmase ao reto de incrementar nun 10% a reciclaxe de envases de plástico, latas e bricks

Para cumprir os obxectivos desta iniciativa, que se leva a cabo en colaboración coa Xunta e Ecoembes, ofreceranse actividades de concienciación nas rúas durante tres meses

O coidado do medio ambiente pode ter premio en Barbadás. O concello súmase á iniciativa Únete ao reto, en colaboración coa Xunta de Galicia e Ecoemebes e que ten como obxectivo fomentar a reciclaxe de envases de plástico, latas e bricks en contedores amarelos. A meta é incrementar, ao menos nun 10%, as cifras de recuperación deste tipo de residuos con respecto ao ano anterior. Once municipios das catro provincias galegas participan na campaña e aqueles que consigan o reto obterán como recompensa 1.500 euros, cantidade que deberán destinar á causa social que elixan.

A concienciación social será clave para conseguir a meta. Ao longo dos próximos meses, Barbadás contará con programación especial nas súas rúas para dar a coñecer a importancia e o beneficioso que para o medio ambiente pode ser a reciclaxe. Así, instalaranse contedores xigantes e realizaranse actividades promovidas por 16 monitores do proxecto, que estarán un mínimo de catro días en cada municipio.

A iniciativa comezou a desenvolverse esta mesma semana e estenderase ata o 30 de xuño. Ademais de Barbadás, na campaña participan Xinzo de Limia, Celanova, Arzúa, Melide, Ribadeo, Baiona, Mos, Nigrán, Salvaterra de Miño e Silleda. En total, suman preto de 140.000 habitantes.

Medio ambiente, Novas, , ,

CONTENT.1716934875