01/04/2023
Barbadás comeza as obras de mellora da seguridade viaria na Rúa das Burgas e Travesía do Viso cun investimento de máis de 47.000 euros
Xosé Carlos Valcárcel destacou a importancia deste tipo de intervencións no programa de obras en viais que se están a executar en diferentes puntos do municipio
O Concello de Barbadás, no seu afán por mellorar a calidade de vida da súa veciñanza e a contorna na que viven, aprobou un proxecto para a mellora da capa de rodadura da Rúa das Burgas e Travesía do Viso (A Valenzá).
A concelleira de Infraestruturas e tenente alcalde, Vitoria Morenza, destacou a importancia desta actuación, “xa que estas dúas rúas son moi transitadas e necesitan unha intervención debido á deterioración do firme”.
O proxecto, redactado polo enxeñeiro de camiños, canles e portos, Daniel Duran Arriero, propón o uso do aglomerado en quente como método de pavimentación máis adecuado e duradeiro no tempo pola súa alta calidade. A adxudicación da obra realizouse á empresa “Extraco Construccións e Proxectos S.A.” por ser a oferta economicamente máis vantaxosa.
O alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, destacou a importancia deste tipo de intervencións no programa de obras en viais que se están a executar en diferentes puntos do municipio, “co obxectivo de mellorar a capa de rodadura en practicamente todos os núcleos”.
A obra terá un custo total de 47.078,68€ e espérase que mellore significativamente a seguridade viaria e o acceso ás vivendas nestas dúas rúas.
Ademais, esta intervención no firme evitará que no futuro téñanse que levar a cabo actuacións máis custosas para reparar a deterioración. A rexeneración do firme con aglomerado en quente é unha técnica que se utiliza cada vez máis na construción de estradas e rúas, xa que é un método moi efectivo e duradeiro.
Este tipo de intervencións son esenciais para garantir a seguridade viaria e a comodidade dos condutores e peóns, e para mellorar a calidade de vida no concello.