Arquivo da etiqueta: valenzá

03/01/2025

Barbadás reordena o tráfico en tres rúas da Valenzá para mellorar a mobilidade e aumentar a seguridade

  • A proposta abrangue a zona denominada antigamente urbanización de Bahamonde, en concreto as rúas Carrís e Salgueiriños, e á Calzada Romana

O Concello de Barbadás reordenará o tráfico nas rúas Carrís e Salgueiriños, ademais de na rúa Calzada Romana, todas elas na Valenzá.

En canto as dúas primeiras, actualmente son de dobre sentido de circulación (cun carril para cada sentido) cun ancho inferior a 2,5 metros e con zona de estacionamento en ambas marxes.

Aínda que non existe unha normativa estatal específica para determinar os anchos das vías, as recomendacións á hora de deseñalas estiman un promedio de ancho de entre 2,8 e 2,2 metros para así garantir a súa funcionalidade e, sobre todo, a seguridade viaria.

Por este motivo, o Concello reordenará o tráfico nas rúas Carrís e Salgueiriños despois da proposta realizada pola Policía Local. Isto permitirá mellorar non só a seguridade viaria, senón tamén conseguir unha circulación máis fluída. Así mesmo, tal e como se indica no expediente da Policía Local, “esta ordenación tería tamén un efecto positivo na Avenida de Celanova, xa que gran parte dos vehículos que dende Ourense acceden á Valenzá cara a zona do Paseo dos Amieiros, Paz, Areal, etc, circularían por estas rúas ao ser máis seguras, aliviando así o tráfico pola Avenida de Celanova (a día de hoxe moitos condutores non o fan por medo a ter un accidente polo estreito destas rúas)”.

Deste xeito, a rúa dos Carrís pasará a ser nunha rúa de sentido único ascendente, da rúa Salgueiriños á rúa Areal. O estacionamento realizaríase en liña, como na actualidade, con prazas de dimensión de 2,2 metros de ancho en ambos marxes, quedando un carril de circulación duns 4 metros de ancho.

Para o caso da rúa Salgueiriños, converterase nunha rúa de sentido único descendente, da rúa Areal á rúa 17 de Maio, con estacionamento en liña cuxas prazas teñan 2,2 metros de ancho e cun carril de circulación de 4,6 metros de ancho.

 

Reordenación tamén da rúa Calzada Romana

A reordenación afecta tamén a rúa Calzada Romana, que actualmente conta con dobre sentido de circulación en aglomerado asfáltico que está en bo estado de rodadura pero que se trata dunha vía de ancho irregular e cuxa beirarrúa está iluminada nunha soa marxe.

Precisamente o seu escaso ancho nalgunhas zonas supón un perigo, especialmente nas fins de semana, xa que se trata da principal vía de acceso ao polideportivo e campo de fútbol, polo que se concentra gran cantidade de tráfico cando hai competicións deportivas ou xoga o equipo de Barbadás. De feito, en ocasións prohíbese temporalmente a entrada de vehículos dende o Parque dos Patos ata o campo de fútbol.

Para solventar esta situación, o Concello de Barbadás atenderá a recomendación da Policía Local de convertela permanentemente nunha vía dun só sentido de circulación en dirección sur-norte (dende o campo de fútbol ata o Parque dos Patos). Ademais, contémplase instalar algún elemento redutor de velocidade para que, unha vez sexa de sentido único e polo tanto máis ancha, ningún condutor aproveite a maior comodidade da vía para circular a máis velocidade.

Estas mudanzas, contempladas para as rúas Carrís, Salgueiriños e Calzada Romana, comezarán a aplicarse de forma paulatina a partir do día de Reis, a medida que se leven a cabo as modificacións precisas na sinalización viaria, tanto horizontal como vertical.

Con estas actuacións o Concello de Barbadás quere seguir traballando e afondando nas medidas para convertir a localidade barbadesa nun municipio máis humanizado, seguro e cómodo para os seus habitantes.

Infraestruturas/Obras/Servizos, Novas, , , , ,

CONTENT.1742764364

10/10/2024

A obra no saneamento e pluviais da rúa do Viso mellorará o acceso ao centro da Valenzá para a lo menos 3.000 persoas

  • Este vial, que tamén da acceso ao Mercadona, é de uso habitual para a veciñanza de Finca Fierro, Cabeza de Vaca, Parada ou Piñor

As obras de mellora da rede de saneamento na rúa do Viso, cun orzamento de algo máis de 66.000 euros e que comezaron a semana pasada, suporán tamén unha importante mellora na accesibilidade ao centro da Valenzá desde Finca Fierro, Cabeza de Vaca, Parada ou Piñor, pois incorpora tamén un novo firme para este vial, que será reaglomerado.

Esta zona, moi habitada e frecuentada por veciños e veciñas de outros lugares do municipio, pois tamén se atopa o Mercadona, sofre problemas de acumulación de agua en épocas de choiva pola falta de capacidade de desaugue.

O obxectivo da actuación é precisamente aumentar a eficiencia do sistema de saneamento, pero non o único, pois tamén mellorá a mobilidade e a seguridade viaria nesta rúa.

As obras inclúen a instalación de preto de 75 metros de tubaxes de PVC de maior capacidade que as actuais, así como a construción de seis novos pozos de rexistro para mellorar a xestión das augas pluviais.

As pluviais serán canalizadas para evitar que prexudiquen a Rúa San Bernabé e os garaxes da zona, que sufrían inundacións cotiáns debido á inadecuada dimensión das tubaxes para a urbanización e poboación que agora mesmo ten a zona.

“Aumentaremos o número e dimensión das tubaxes para poder recoller adecuadamente as pluviais e confluír despois na rede xeral”, explica a tenente alcalde Victoria Morenza sobre as obras.

Así mesmo, tamén se acometerán outras actuacións dentro do marco deste proxecto, coma a demolición de bordos e pavimentos en mal estado, a renovación do mobiliario urbano afectado polas obras e a repavimentación da calzada.

“Imos aglomerar a Rúa do Viso, o que mellorará a accesibilidade e seguridade desa vía que ademais é a ruta de acceso para veciños de Finca Fierro, Cabeza de Vaca, Parada ou Piñor. Isto supón unha poboación dunhas tres mil persoas, moitas delas usuarias habituais desta rúa e que polo tanto tamén se beneficiarán das obras incluídas neste proxecto”, aclara a tenente alcalde Victoria Morenza.

A mellora do firme na Rúa do Viso únese ás melloras acometidas nos últimos anos na propia Travesía do Viso ou na rúa das Burgas.

O prazo de execución dos traballos é de tres meses, segundo o proxecto adxudicado.

“A nosa vontade é a de mellorar as infraestruturas públicas e dotar ós veciños e veciñas de equipamentos de calidade nas cuestións que afectan na súa vida diaria. É así como podemos mellorar a calidade de vida no concello e así é como o faremos”, explica sobre estas obras a tenente alcalde de Barbadás, Victoria Morenza, que tamén destaca que “tal e como se recolle no proxecto, estas obras non só servirán para solucionar os problemas actuais que presenta a rede de saneamento, senón que contribuirá a previr futuras incidencias relacionadas coas choivas. Dese xeito, a vida útil das infraestruturas tamén aumentará”.

 

Infraestruturas/Obras/Servizos, Novas, Urbanismo, , , , , ,

CONTENT.1742764364