04/02/2026

Tres candidaturas optan a organizar as Festas da Valenzá do 2026

  • O comité de valoración do Concello de Barbadás reúnese mañá para avaliar as propostas e escoller a vencedora 

O Concello de Barbadás valorará entre as tres candidaturas recibidas para organizar as Festas da Valenzá do 2026 dentro do novidoso proceso de selección iniciado en xaneiro. O comité de valoración, presidido polo tenente alcalde, Daniel Rey, reunirase mañá na Casa Consistorial para avaliar as propostas segundo os criterios establecidos nas bases e escoller a comisión de festas vencedora. “Aínda que nun principio amosaron interese catro candidaturas, dúas decidiron fusionarse nunha única”, detalla Rey. 

O comité conta coa asistencia técnica do secretario da corporación, un funcionario da Policía Local, un funcionario de Protección Civil, un traballador do departamento de Cultura e un traballador da Escola de Música. O equipo valorará de cada aspirante a calidade artística das agrupacións musicais e a organización de actividades deportivas, populares e de carácter lúdico que favorezan a dinamización social e convivencia veciñal. Pola súa parte, Daniel Rey non participará con voto para garantir a neutralidade da decisión. 

“Unha vez que teñamos o resultado final, notificarémosllo aos interesados, abrirase un prazo de alegacións e, ao remate do mesmo, o resultado será publicado para coñecemento de toda a veciñanza”, apunta o tenente alcalde. 

Entre outras condicións, os festexos deberán realizarse a fin de semana anterior ao 11 de xuño (día de San Bernabé, patrón da Valenzá), as actuacións musicais rematarán ás 4,30 horas o venres e sábado e ás 23,00 horas o domingo, o día 11 haberá festa na Praza Vella (o tradicional “baile da pataca”) e será obrigatoria a instalación de baños portátiles nas verbenas e no entorno das atraccións infantís, así como dun punto violeta de información contra a violencia machista nun lugar de visibilidade preferente. 

Novas

CONTENT.1770880495

SINGLE.1770880495