18/01/2024
Un cento de escolares de Barbadás sumáronse á novidosa iniciativa de dinamización lectora “A mochila de Catalina”
“A mochila de Catalina” é o nome da orixinal iniciativa que puxo en marcha o Concello de Barbadás, dende a concellería de Educación que dirixe Marga Pérez, para contaxiar a paixón pola lectura aos nenos e nenas. Un cento de escolares participaron xa nesta actividade e compartiron os libros da biblioteca municipal nas aulas. Os cativos de 5º e 6º de Infantil, acompañados dos seus familiares, escollen cada semana os contos que levarán a clase e a proposta é todo un éxito.
Tal e como explicou Marga Pérez, o obxectivo de “A mochila de Catalina” é fomentar a lectura e o valor dos libros dende idades temperás, “ao mesmo tempo que convertemos a biblioteca nun espazo aberto e participativo”. A concelleira asegura que hai familias que descobren estas instalacións grazas a esta actividade.
Con este mesmo fin de dinamización lectora comezarán neste centro cultural, o próximo 23 de xaneiro, os obradoiros de pintacontos para nenos e nenas de entre 4 e 6 anos que se levarán a cabo os martes en horario de 17.30 a 18.30 horas. Os interesados aínda poden inscribirse.
“As casiñas de Catalina” énchense no rural
“As casiñas de Catalina”, outra iniciativa que persegue fomentar a lectura co intercambio de libros, está a espertar un gran interese. Os veciños e veciñas de todas as idades poden coller os exemplares nas casiñas instaladas nos locais sociais de cada parroquia e deixar outros para contaxiar a paixón pola lectura dun xeito sinxelo.
Tamén dende o Concello de Barbadás apórtanse libros a esta iniciativa que goza de gran aceptación nos pobos.
Unha caixa de benvida cargada de aventuras
“Os pés máis pequenos fan a pegada máis grande nos nosos corazóns. Benvido ao noso pequeno fogar”. Este é a mensaxe de benvida das caixas que o Concello de Barbadás entrega aos nenos que nacen no municipio e a aqueles de entre 0 e 3 anos empadroados. No último ano repartíronse unha trintena destas caixas que inclúen contos, entre outros agasallos e a folla de inscrición como novo socio da biblioteca.
O Concello de Barbadás fai unha aposta decidida para fomentar a lectura entre os máis novos e achegar a biblioteca a todos os fogares.