03/06/2024

Un milleiro de escolares asistirán a unha exhibición dos servicios de emerxencias no Paseo dos Amieiros da Valenzá

Será no Paseo dos Amieiros (A Valenzá), o 5 de xuño, de 9:30 a 14:00 h

Un milleiro de escolares do concello de Barbadás asistirán o próximo mércores 5 de xuño a unha espectacular exhibición dos servizos de emerxencias. O escenario será o Paseo dos Amieiros da Valenzá e está previsto que participen alumnos e alumnas dos CEIP O Ruxidorio e Filomena Dato e do CPR Luis Vives, ademais de usuarios de Centro Ocupacional As Burgas.

Esta iniciativa, organizada pola concellería de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade de Barbadás, que dirixe Elisabeth González, en coordinación coa concellería de Emerxencias que dirixe Dani Rey, acada a súa segunda edición despois do éxito do ano pasado. Os nenos e nenas disfrutarán dunha xornada de convivencia na que poderán achegarse ao helicóptero da Garda Civil, entre outros vehículos que empregan os servizos de emerxencias.

Nesta ocasión aumentan os medios de seguridade e servizos de emerxencias que se darán a coñecer aos escolares e que serán os seguintes: Garda Civil, Policía Nacional, Consellería de Medio Rural, Bombeiros San Cibrao e Ourense, Protección Civil de Barbadás e Ourense, Policía Local del Barbadás, Axega 112, Patrimonio Natural e a Axencia de Doazón de órganos e Sangue.

A actividade desenvolverase de 9.30 a 14.30 horas e tal e como explicou a concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade de Barbadás, Elisabeth González, “trátase dunha actividade moi agardada e na que os escolares poderán familiarizarse cos servizos de emerxencias e coñecer o importante traballo que realizan”.

Cómpre destacar que aínda que as exhibicións están destinadas aos alumnos e alumnas dos centros educativos, a actividade estará aberta a toda a veciñanza, que poderán seguir a xornada dende o espazo habilitado. O Concello invita a toda a cidadanía a participar nunha xornada de aprendizaxe e recoñecemento do traballo daqueles que traballan para garantir a seguridade.

 

2024-Barbadás-A3-exhibición MEDIOS DE SEGURIDADE

 

Medio ambiente, Medio Rural, Novas

CONTENT.1719005210

SINGLE.1719005210