24/03/2023

Un versátil Obradoiro de Emprego rehabilita o lavadoiro de As Quintas, construe hoteis para insectos ou fai traballos forestais

A iniciativa, que ten como obxectivo fomentar a inserción laboral e da que forman parte 12 alumnos de Barbadás, comezou os seus traballos no mes de novembro

Aínda que o Concello de Barbadás ten unha taxa de paro moi inferior ao resto da provincia de Ourense, o goberno local traballa na formación das persoas desempregadas a través de Obradoiros de Emprego nos que os participantes reciben unha cualificación profesional ao mesmo tempo que desenvolven un traballo en actividades de utilidade pública ou de interese social.

Así, o pasado mes de novembro comezou no Centro Empresarial Transfronteirizo de Barbadás o Obradoiro Dual de Emprego dos Concellos de Barbadás, Taboadela, Toén e San Cibrao. Barbadás achega 12 alumnos, Taboadela 4 e Toén e San Cibrao das Viñas, 2 alumnos por concello. En total, 20 alumnos que dende entón reciben formación diaria en actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e en operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización.

Actuacións no Concello de Barbadás

No módulo de albanelería os alumnos realizan traballos de acondicionamento, conservación, mantemento e rehabilitación do lavadoiro público situado no lugar de As Quintas, en Piñor ademais da limpeza, despexe e roza da contorna do lavadoiro.

No módulo forestal, están a realizarse labores forestais  de roza e limpeza de terreos por medios manuais e mecánicos; retirada e provisión da terra vexetal por medios manuais e mecánicos, incluído o depósito nos bordos para a súa posterior reutilización.

Ademais, as persoas que participan nos talleres realizan poda selectiva de árbores medianas e grandes, con provisión de material para o seu posterior traslado;  limpeza de leitos e desaugadoiros con medios manuais en terreo brando con vexetación media e retirada de elementos que invadan a calzada.

O alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, e as concelleiras Marga Pérez e Victoria Morenza, realizaron unha visita ás zonas nas que se está traballando.

Nos Concellos de San Cibrao, Taboadela e Toén, os módulos están a traballar en labores similares de rehabilitación de lavadoiros e de limpeza e mellora de camiños. 

Hotel para insectos

Ademais destes labores, os participantes nestes talleres construíron unha novidosa iniciativa. Trátase dun “hotel para insectos”, situado no Centro Empresarial Transfronteirizo de Barbadás, co fin de axudar a protexer a especies como, por exemplo, crisopas, mariquitas e abellas, xa que se lles proporciona acubillo ante depredadores e as inclemencias do tempo, ademais de facilitar a polinización das plantas, axudando a incrementar a súa produción.

Este tipo de construcións axudan a controlar a presenza de pragas nos xardíns, hortas e cultivos de maneira totalmente natural, sen ter que recorrer a produtos químicos

Dende o Concello de Barbadás confían en que coa formación que reciben as persoas que forman parte desta iniciativa, unha vez terminado o taller e obtido o certificado de profesionalidade, consigan atopar emprego. Tamén destacan a importancia da colaboración institucional entre os concellos e a importancia deste tipo de iniciativas para fomentar o emprego e a inserción laboral.

Novas, , , , ,

CONTENT.1733597275

SINGLE.1733597275