26/03/2022
Unha ducia de mozas de Barbadás xoga no club de Fútbol Feminino Rosalía, único na provincia de Ourense
Sociedade en Barbadás
- Pequenas veciñas de A Valenzá e As Lamas xogan nalgún dos cinco equipos de fútbol feminino do club “Rosalía”, fundado en 2018 e que neste 2022 creou o equipo “biberón” de nenas de 3 a 5 anos, no que xa hai 7 xogadoras.
- Parte das doce futbolistas de Barbadás están na imaxe acompañadas polo vicepresidente da escola e club deportivo. Son : Patricia, Aldara, Matilde, Noa, Sabela e Zaira, faltan María e Paqui das “sénior”, Candela, Claudia e Sara do equipo infantil, e Laura do equipo “cadete”.
- O vicepresidente José Antonio Vázquez Félix “Yuse” amósase campante cando lembra que a ducia de mozas de Barbadás que hoxe están no club son as “sucesoras” daquel equipo feminino de Barbadás, pioneiro, que xogou os últimos partidos en 2015, despois de 5 anos de competición.
- Tamén houbo equipo feminino de fútbol na Rúa, que xogou un par de Ligas ata o 2018 e o da Unión Deportiva Ourense que tivo equipo “sénior” de mulleres ata que desapareceu no 2018.
- O directivo do “Rosalía” explica que esta Escola de Fútbol Feminino naceu coa idea de “facer equipos base, como promesas, infantís e cadetes, para nutrir o equipo de sénior da UDO” e ao desaparecer este, o “Rosalía” fixo equipo propio tamén coas “maiores”.
- A escola renaceu en 2018 despois da súa apertura un ano antes co pulo de Mario Gómez (hoxe presidente do “Rosalía”), Alba Rodríguez e Iván Gutiérrez, e no marco do equipo “Bosco” do colexio Salesianos de Ourense.
- “A convocatoria para que as mozas xogaran o fútbol en 2017 foi un éxito total, pero re-fundouse a escola un ano despois para cambiar o seu funcionamento, de xeito que todo o orzamento anual recaía nas xogadoras”, detalla Yuse.
- Cada xogadora paga unha cota de 21 euros mensuais “e teñen cubertos todos os gastos de equipamento, desprazamentos e calquera outro que se xere na competición da Liga Autonómica na que participan” . Co orzamento anual fanse colaboracións solidarias como as emprendidas cas ONGs “GaliciAME” , “Pequenos Superheroes” e “Comongoal” .
- O actual vicepresidente chegou ao club “de casualidade” pois o presidente coñecíao e comezou a pedirlle, de xeito informal, que fixera fotografías dos partidos. “O club tiña páxina web e as fotografías dábanlle moito atractivo así que, para que as fixera sempre, o presidente levoume na directiva e aceptei o reto”, lembra.
Primeira escola integral feminina na provincia
- Xa tiveron premios como o da asociación de Mulleres Deportistas de Galicia que, en 2019 recoñeceu a escola como “a mellor iniciativa a prol do deporte feminino” pois trátase da primeira escola integral deportiva feminina na historia de Ourense.
- O vicepresidente explica que tamén recibiron, neste mesmo ano, o premio da Asociación Galega de Xestores Deportivos pola “xestión deportiva con perspectiva de xénero” e pensa que tiveron en conta “que a escola non se queda no meramente deportivo”.
- Así, para conmemorar en febreiro o Día da escritora Rosalía (que da nome á escola, ao club e aos equipos), as xogadoras entregan ao equipo contrario ese día, unha flor e un poema rosaliano escrito nunha postal.
- Este mesmo ano, as xogadoras máis novas recibiron como agasallo o libro “FORMIG4S Misión Rosalía”, escrito precisamente polo actual adestrador das “maiores”, Pere Tobaruela .
Xogadoras de toda a provincia
- A escola está aberta a toda nena e moza que queira xogar ao fútbol con outras mozas, e vivir así a experiencia deportiva completa, en equipo.
- Entre os equipos “promesas” (2), cadetes, infantís, “sénior” e dende este ano o de “biberóns”, o club ten 107 xogadoras e un equipo técnico de 7 persoas. O último técnico en chegar foi Pere Tobaruela, que adestra dende hai unhas semanas ao equipo “sénior” tras a marcha do anterior adestrador.
- As xogadoras adestran tres días cada semana, nos campos de Oira e de Santa Cruz de Arrabaldo, e proceden de toda a provincia.
- Coa creación da liga autonómica “cadete” na actual tempada 2021-2022, o club “Rosalía” conta con 5 equipos en competición. “A progresión nestes poucos anos foi moi boa así que esperamos que as nenas e mozas vexan nesta escola unha ocasión para divertirse e mellorar”, conclúe Yuse.
- Pódense seguir os seus resultados deportivos e actividades nas redes sociais.