20/09/2025
Unha vintena de asociacións de pacientes e outras organizacións saen a rúa para amosar o seu traballo

O Concello de Barbadás impulsou onte o V Paseo da Saúde, unha cita onde se congregan asociacións de pacientes, agrupacións e entidades sociais que dan conta do seu traballo diario na provincia. Nesta quinta edición sumáronse tres participantes máis (Cruz Vermella, Alcohólicos Anónimos e Solidaridad Intergeneracional), o que eleva a máis dunha vintena o número de entidades participantes xunto con Afaor, Alcer, Auria, AECC Ourense, Aodemper, Por eles TEA, Affou, Accu, Querendo, Autismo Ourense, Asociación de Celíacos de Galicia, DCA Ourense, AFEM Morea, Fundación Neuroburgas, Grupo Social ONCE, Asgacop, Garda Civil e Protección Civil de Barbadás.
A corporación municipal visitou os stands das entidades, colocados na avenida de Celanova da Valenzá, no entorno da glorieta da Familia. O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, aproveitou a ocasión para poñer en valor o traballo diario das asociacións, que asesoran, axudan e acompañan centenares de pacientes e familiares da provincia. “O voso labor é imprescindible, e moitas veces está invisibilizado”, apuntou.
A concelleira de Servizos Sociais, Saúde e Igualdade, Elisabet González, agasallou a cada entidade cun pequeno almorzo saudable, e agradeceulles a súa participación. “Agardamos que sexan moitos os veciños e veciñas que vos coñezan neste Paseo”, comentou a edila.
A poboación descubriu o traballo das asociacións e tivo a oportunidade de coñecer o seu estado de saúde con medicións do azucre en sangue, espirometrías e tensión arterial. Durante toda a xornada houbo obradoiros e charlas sobre distintas patoloxías, ademais dunha merenda saudable ás 18,00 horas grazas á Cova do Sabio. A unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) tamén estivo ata última hora, posibilitando que a veciñanza doase sangue.