02/09/2025

Unha vintena de persoas desempregadas formáronse no Obradoiro de Emprego no CET de Barbadás

Obradoiro de emprego
  • O curso incluíu formación teórica e práctica de albanelaría e xardinaría
  • “Son necesarios traballadores e traballadoras destas disciplinas, polo que agardamos que atopedes emprego ou montedes a vosa propia empresa”, apuntou Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás

Unha vintena de homes e mulleres desempregados formáronse no Obradoiro de Emprego promovido polo Concello de Barbadás no Centro Empresarial Transfronteirizo (CET) durante os últimos nove meses. Esta mañá, o espazo acolleu o acto de despedida do alumnado, no que estiveron presentes tanto os participantes como o equipo docente, así como a xefa territorial de Emprego, Marta Vázquez; o alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel; o concelleiro de Promoción Económica, José Manuel Morgade; o alcalde de Toén, Ricardo González, e o tenente alcalde de Taboadela, Roberto Blanco. 

O Obradoiro de Emprego, financiado pola Xunta de Galicia, contou con formación práctica e teórica en albanelaría e xardinaría. As 20 persoas participantes puideron especializarse nunha área e realizar traballos na contorna, como a rehabilitación de varios lavadoiros en Sobrado do Bispo, o desbroce de numerosas estradas ou a mellora de espazos verdes. “Moitas grazas polo voso traballo espléndido, hai persoas que se esforzaron moito e estamos moi agradecidos desta resposta”, sinalou Xosé Carlos Valcárcel durante o acto de despedida. O alcalde animou ao alumnado a buscar traballo, e recordou a demanda existente de emprego: “Son necesarios traballadores e traballadoras destas disciplinas, polo que agardamos que atopedes emprego ou montedes a vosa propia empresa”. 

Marta Vázquez, Ricardo González e Roberto Blanco coincidiron en resaltar o esforzo dos participantes e desexáronlles moita sorte á hora de buscar traballo e aproveitar a formación recibida. 

Xosé Carlos Valcárcel agradeceu tamén o traballo do concelleiro de Promoción Económica, José Manuel Morgade, por lograr traer ao CET obradoiros deste tipo, así como a colaboración coa Xunta de Galicia. “Queremos que siga habendo obradoiros no noso concello, e é preciso remarcar o esforzo que se fai para que veñan e para xestionalos”, engadiu.

Educación/Formación, Novas

CONTENT.1770591451

SINGLE.1770591451