07/06/2024

Valcárcel reitera ao delegado da Xunta a necesidade de instaurar o transporte metropolitano “nun concello en constante crecemento”

A necesidade de que a Administración autonómica preste máis atención ao Concello de Barbadás foi a principal mensaxe que trasladou o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, ao novo delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, nunha reunión celebrada esta mañá na Casa Consistorial. O rexedor reiteroulle a necesidade de levar a cabo diferentes proxectos, entre os que destaca a implantación do transporte metropolitano. Cómpre lembrar que xa pasaron 6 anos dende que se aprobaron nun pleno extraordinario as ordenanzas que esixiu a Xunta para instaurar este servizo sen que se deran pasos en firme para facer realidade esta demanda histórica dos veciños e veciñas.

Mentres tanto, para facilitar o servizo á cidadanía o Concello inviste ao redor de 100.000 euros anuais en bonificacións para o transporte en autobús, cunha rebaixa xeral do 37%, do 55 % no caso dos estudantes e do 48% para os pensionistas. A viaxe é gratuíta para as persoas en risco de exclusión social. Crecemento económico, mellora da mobilidade ou o asentamento da poboación son só algunhas das vantaxes da posta en marcha do servizo e así o reiterou o alcalde.

Outro dos proxectos que puxo sobre a mesa o rexedor foi a construción dun elevador no centro de saúde. O desnivel existente dificulta o acceso das persoas con mobilidade reducida, polo que este elevador que se construiría na parte externa do inmoble melloraría considerablemente o acceso dos usuarios e usuarias.

Xosé Carlos Valcárcel tamén insistiu na necesidade de ampliar o parque móbil da Policía Local e de Protección de Barbadás, que leva case unha década sen incorporar novos vehículos, e o estudo da iluminación da rotonda da N-540 que acaba de construír a Xunta de Galicia e que da acceso á A-52, ao polígono e a Celanova.

Outros asuntos no que insistiu o rexedor foi o compromiso da Xunta de Galicia de financiar a ampliación do polideportivo e trasladoulle algunhas das deficiencias existentes no CEIP Filomena Dato, que ten 25 anos de antigüidade e presenta problemas de humidades e goteiras, entre outros.

O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, insistiu na importancia de ter en conta a Barbadás como “un concello en constante crecemento que merece máis atención por parte das Administracións”.

 Centenario de Carmen Martín Gaite

O  proxecto elaborado polo Concello de Barbadás para erixir á parroquia de Piñor na capital do universo literario e vital de Carmen Martín Gaite xa conta co respaldo do Ministerio de Cultura e o rexedor trasladou ao delegado da Xunta de Galicia a importancia do apoio da Administración autonómica con motivo dos actos que se levarán a cabo polo centenario do nacemento da escritora. Acordouse programar unha reunión co Conselleiro de Cultura para valorar a colaboración.

 

 

 

 

 

Novas

CONTENT.1721447054

SINGLE.1721447054