12/02/2022
“Velaí vai” e velaí vén o grupo de cantareiras e músic@s de Bentraces que retoman ensaios
Sociedade en Barbadàs
- Veciños e veciñas de Bentraces apuntáronse en 2016 a clases de música tradicional, no proxecto ideado por Beatriz Fernández García e Pablo Martínez para levar clases de música a tódalas aldeas de Barbadás, para persoas de calquera idade…
- Tódalas persoas interesadas aprenderon con el a gaita, pandeireta, canto, tambor… e un ano despois estreáronse como grupo de música tradicional nas festas das Lamas.
- “Esa actuación supuxo un antes e un despois e medrou a motivación entre profesores e estudantes así que decidimos formar unha asociación que servira de base para a actividade e seguimos cas actuacións, tamén nas festas da Valenzá”, lembra Beatriz.
- Entre aqueles aprendices de música estaba e está Pilar, presidenta da asociación cultural que nos contou que o nome do grupo “Velaí Vai” foi sacado dunha canción tradicional que adaptaron para incluír na letra o nome da “costiña do Moredo” de Bentraces, a que leva até un vello lavadoiro na parte baixa da aldea, ó pé duns viñedos.
- Pilar lembra a actuación nas festas da Valenzá como outro fito na historia da escola de música e do grupo: “no día de San Bernabé, que é o patrón, houbo recortes na celebración así que os veciños acordaron non contratar música nin foguetes. Parte dos que vivían na parte vella levaron banda de gaitas á misa e fixeron celebración enxebre con empanada, inchables e nós, os de Velaí Vai”.
- Se nas Lamas foi a estrea, na Valenzá chegoulles o pulo definitivo. Pablo lembra que para aquela, todos ensaiaran moito e a actuación “foi a mellor de todas até aquel momento”.
E segue a música
- No repertorio deste grupo de 25 persoas, entre cantareiras, pandeireteiras , gaiteiros e outros músicos, hai cancións tradicionais, tamén as adaptadas como a da “costiña do Moredo”, “Licor de negro café” de Lamatumbá, “Vaca marela”, “A rianxeira”…
- A escola chegou ás aldeas de Barbadás antes da pandemia, trátase dunha “escola nómada” segundo Beatriz, que tivo que reestruturarse polas circunstancias sanitarias. Agora retoma actividade.
- Pola súa banda, @s que forman parte do grupo “Velaí Vai”, de varias aldeas de Barbadás como Bentraces, Finca Fierro, Loiro e A Valenzá, comezaron os ensaios en outubro de 2021 e xúntanse cada xoves ás 20,00 horas no local social de Bentraces, fronte a igrexa.
- Alí Pilar, Conchita Marité, Estrela, as dúas mozas que se chaman Pili, Luz (Lucita), Antonio, Beito, Javier, Rosa, Clara, María Dolores, Roberto, Lucía, o acordeonista Manuel, Charo, Quique, Lorena e o gaiteiro Javi. Algúns deles, por parellas botan un baile se o ambiente se anima.
- E así pasou, o ambiente medrou nun encontro diante do lavadoiro, ao pé da costiña do Moredo…do que haberá imaxes publicadas en breve.
- Polo momento, quedan presentados…