01/07/2024
Votación unánime para que se constrúa un instituto en Barbadás, único concello galego de máis de 10.000 habitantes que carece del
A Corporación de Barbadás uniu os seus votos no pleno ordinario desta tarde para alzar de novo a voz ante unha demanda histórica. Todos os grupos políticos votaron a favor da moción do BNG para a construción dun instituto no concello. O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, indicou que esta proposta é fundamental para que Barbadás siga avanzando, polo que tamén propuxo unha emenda para solicitar á Xunta de Galicia un informe por escrito sobre a idoneidade dos terreos que se puxeron a súa disposición hai anos, así como o compromiso de que se executará a súa construción, indicando o prazo. No pleno púxose de manifesto que Barbadás é a única poboación galega de más de 10.000 habitantes sen un instituto.
Na sesión plenaria tamén se trataron outros asuntos. A moción para elaborar unha ordenanza reguladora de instalacións deportivas en Barbadás e para solicitar a modificación das tarifas de entrada á piscina que presentou o Partido Popular non saíu adiante, rexeitada polos votos dos concelleiros e concelleiras de PSOE, DO e Partido Galego. Votaron a favor PP e BNG.
O concelleiro de Deportes, Cristian Rodríguez, defendeu os novos prezos de acceso ás piscinas, que pasaron “de abrir dous meses a abrir tres, incorporando unha cafetería que está funcionando moi ben” e que mellora notablemente o servizo prestado. Destacou que tanto as entradas individuais como os bonos están adaptados aos diferentes tipos de usuarios, de tal xeito que se ben a entrada diaria é de 2 euros, máis baratas que en outras vilas de provincia, cos bonos rebaixase a 0,50 euros por día para adultos, 0,25 para cativos e mesmo entre 0,37 e 0,20 euros no caso das familias en función de que estean formadas por 3, 4 ou 5 persoas, dado que o bono familiar non ten límite de beneficiarios.
Ademais, Cristian Rodríguez subliñou que mentres noutras instalacións hai problemas por falta de socorristas, “o de Barbadás é un servizo eficaz e garantido durante todo o verán”.
O alcalde defendeu o actual modelo de xestión, a través dunha concesión, tal e como se fixo sempre no concello, negando polo tanto que as piscinas foran privatizadas. Tamén puxo en valor que as de Barbadás son das poucas piscinas de Ourense que permanecen abertas durante tres meses, sendo as primeiras que abriron este ano na provincia.
Co voto de calidade do alcalde aprobouse a derrogación da ordenanza de servizos educativos, por non axustarse á normativa vixente, mentres que o PP e o BNG votaron en contra.
Tamén co voto a favor do grupo de goberno e do concelleiro do Partido Galego, a abstención do PP e o voto en contra do BNG deuse luz verde á modificación do regulamento interno da Escola Infantil Municipal. A concelleira de Educación, Marga Pérez, explicou que a redución en media hora do horario do centro permitiría axustar o tempo de atención entre as aulas para mellorar a atención dos nenos e nenas.
Na sesión plenaria tamén se deu luz verde, con empate nas votacións e o voto de calidade do alcalde, á modificación da ordenanza reguladora do funcionamento da Escola Municipal de Música de Barbadás, que tamén debe adecuarse á normativa actual, pois incumpre o principio de equivalencia. O alcalde insistiu en que “este goberno traballa arreo para que se xestionen correctamente os servizos públicos” .
Co apoio de todos os grupos saíu adiante a adhesión do concello de Barbadás á Central de Contratación da FEGAMP e a modificación da porcentaxe de gastos plurianuais.
Tamén prosperou cos votos a favor de todos os partidos, excepto os dous concelleiros do BNG o edil de Partido Galego, que se abstiveron, a moción do Partido Popular que alerta da falta de persoal no Concello de Barbadás. O edil de Persoal, José Manuel Morgade, anunciou que se cubrirán as baixas nos servizos de atención ao público e Rexistro nas oficinas da Valenzá e na Casa do Concello. Das 12 existentes xa se cubriron 8.
Todos os partidos agás o Partido Popular apoiaron a moción do grupo dos socialistas de Barbadás e Democracia Ourensana sobre a supresión da Secretaría Xeral de Igualdade. A concelleira de Igualdade, Elisabet González, explicou que esta supresión demostra “a pouca importancia que o PP lle dá ás políticas de igualdade”. A moción reclama que estas políticas e as de violencia de xénero volvan a estar integradas no mesmo órgano superior e de dirección. “Barbadás conta con un CIM, agora descoñecemos de cal das dúas direccións xerais depende”, engadiu González.