27/06/2020
Xunta e Concello de Barbadás asina o convenio para bonificar o uso do transporte público con bonificacións á cidadanía
O CONCELLO DE BARBADÁS E A XUNTA ASINAN UN CONVENIO PARA BONIFICAR O TRANSPORTE NA ZONA METROPOLITANA
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel firmaron un convenio de colaboración para establecer accións de promoción da utilización do transporte público
O Concello bonificará os viaxes de uso xeral e establecerá bonificacións sociais dirixidas a estudantes menores de 28 anos, pensionistas e persoas en situación de emerxencia social
A entrada en vigor destas bonificacións está pendente da aprobación definitiva da ordenanza municipal que regula estas bonificacións
- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o rexedor de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel asinaron onte o convenio de colaboración para a promoción da utilización do transporte público.
- A sinatura deste convenio implicará o mantemento e mellora das bonificacións que o Concello estaba aplicando, pero coa modernización que supón a habilitación da Tarxeta Metropolitana de Galicia, TMG.
- Ademais das bonificacións de uso xeral e as dirixidas a estudantes de ata 28 anos, o Concello bonificará os billetes das persoas en situación de emerxencia social, unha das principais novidades da sinatura deste convenio.
- Barbadás é o único concello da provincia de Ourense que destina bonificacións para a cidadanía coa finalidade de promover a utilización do transporte público.
- As persoas usuarias que se poderán beneficiar das bonificacións propostas polo concello de Barbadás serán as seguintes:
- a) Bonificación de uso xeral: Aplicarase a todas as persoas usuarias que fagan uso da Tarxeta do Transporte de Galicia, TMG, da TMG Xente Nova ou doutras tarxetas integradas (actualmente, a Tarxeta Millenium da Coruña e a Tarxeta Cidadá de Lugo), nos desprazamentos correspondentes ás relacións de tráfico incluídas no ámbito de aplicación deste convenio por concesións de servizo público de transporte adheridas ao mesmo. Neste suposto o importe da tarifa a aboar pola persoa usuaria terá unha bonificación de 0,50 €, sendo o importe a pagar utilizando as ditas tarxetas o de 0,85 €/viaxe. Prezo do billete de uso xeral: 0,85 céntimos.
- b) Bonificacións Sociais: Á tarifa xeral bonificada establecida no apartado anterior resultaralle de aplicación unha bonificación adicional a favor daquelas persoas que pertenzan a certos colectivos para os que este concello acorde establecer este tipo de bonificación adicional e identifique na aplicación informática habilitada para tal fin pola Xunta de Galicia.
Inicialmente, os colectivos designados polo Concello de Barbadás, son os seguintes:
– Estudantes: bonificación adicional de 0,25 € sobre a bonificación xeral. Prezo do billete para estudante: 0;60 €.
– Pensionistas: bonificación adicional de 0,15 € sobre a bonificación xeral. Prezo da viaxe para pensionistas: 0;70 €.
– Persoas en situación de risco ou emerxencia social: bonificación equivalente ao importe total que lles correspondería abonar polo servizo de transporte. Prezo da viaxe: 0 €.
- O rexedor de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, explica que “para Barbadás é fundamental a potenciación do transporte público porque somos un concello novo, con moitos desprazamentos cara a capital, moitos desprazamentos interiores e poder prestar un bo servizo con prezos asequibles para toda a veciñanza é algo fundamental para este goberno”
- Valcárcel engade que este tipo de iniciativas para promocionar o uso do transporte público favorece a protección do medio ambiente e o coidado do noso entorno.
- Para a protección do medio ambiente e para favorecer o transporte público “é necesario aplicar as novas tecnoloxías non só no que se refire aos vehículos que se utilizan, senón tamén á modernización das marquesiñas e o uso de tarxetas electrónicas”, apunta Valcárcel.
- A concelleira de Mobilidade, Victoria Morenza, indicou que na actualidade “e antes da entrada en vigor definitiva do convenio para promocionar a utilización do transporte público, está en período de exposición a ordenanza reguladora das axudas á cidadanía”.
- Morenza sinala que unha vez que se aprobe definitivamente esta ordenanza “ofrecerase información á cidadanía sobre a forma, lugar e prazo de presentación de solicitudes para beneficiarse destas bonificacións”.
- Estas bonificacións aplicaranse tanto nas rutas dente A Valenzá- As Lagoas, coma no resto de rutas que comunican Loiro, Sobrado, Bentraces e Barbadás coa Valenzá ou con Ourense. Tamén se aplican ás rutas entre Piñor, Parada e Ourense.
- Adicionalmente, as bonificacións previstas anteriormente acumularanse ao desconto que corresponde á empresa concesionaria do servizo de transporte en relación á comercialización de bonos de 50 ou, no seu caso, 100 viaxes. Neste caso, a aquelas persoas usuarias que, cunha mesma tarxeta de transporte TMG, realicen no mes natural 50 ou 100 viaxes, segundo o caso, reintegraráselles o importe correspondente ao desconto previsto para o respectivo abono de 50 ou de 100 viaxes, con cargo á empresa concesionaria.
- As persoas usuarias de alta na aplicación TARSOC, ao facer uso dos servizos de transporte, deberán pagar no autobús o importe da viaxe coa súa tarxeta “TMG social”, aplicándoselles por tanto de xeito automático a bonificación de uso xeral (0,50 €/viaxe) nos mesmos termos que o resto de beneficiarios.
- A bonificación social adicional que lle corresponda á persoa usuaria farase efectiva para as persoas beneficiarias no momento no que estas efectúen a recarga da tarxeta a partir de finais do mes seguinte a aquel no que realizasen a viaxe. As persoas beneficiarias disporán do prazo de dous meses para aceptar cada bonificación dende a data na que esta se poña á súa disposición. No caso de non aceptar a recarga dentro do devandito prazo, esta recarga caducará e perderán o dereito a percibila.
- As persoas beneficiarias das axudas establecidas neste Convenio poderán consultar o estado das súas recargas na páxina web https://tmg.xunta.gal/consulta-tarxeta, ou na que en cada momento habilite a Dirección Xeral de Mobilidade. Neste sentido, este sistema de pagamentos operará de xeito análogo a como o fai o actual programa tarifario social no Transporte Metropolitano.
- As bonificacións previstas neste convenio serán aplicables no contrato de concesión do servizo público de transporte regular de viaxeiros de uso xeral XG605 (orixe e destino Barbadás-Ourense e viceversa ou viaxes dentro do propio municipio de Barbadás) dende a data que estableza a Dirección Xeral de Mobilidade atendendo á programación dos traballos tecnolóxicos precisos para tal fin.