13/11/2022
Zeltia Outeiriño grava en Bentraces parte da historia da artesanía en Galicia tecida polos seus tíos Antonio e Concha
Emprendemento en Barbadás
Zeltia Outeiriño chámase así porque o seu tío e padriño Antonio convenceu aos seus pais para que lle puxesen ese nome “pola terra celta que é Galicia”, e porque Antonio era “un artista irreverente e galeguista” que finou cando a súa afillada tiña 14 anos e moitas gañas de saber máis del.
- Así comeza a súa lembranza da historia familiar que a trouxo de volta a Galicia, dende Barcelona, para gravar en Bentraces un documental, co-producido pola barcelonesa Rigo Media e a cooperativa Setemedia de Santiago de Compostela .
- O documental, en formato longo, chamarase “Patarinos” e a poucos meses do seu remate, as produtoras teñen acordos co Agadic, ICAA e un acordo de pre-compra da Televisón Galega. Agora precisa completala financiación para rematar, cando xa ten gravado o 90% do material audiovisual.
Sempre Antonio como fío
- A presencia de Antonio na familia deu pulo a moita curiosidade e actividade arredor da artesanía. Zeltia lembra que viaxaba moito coa súa irmá Concha (tía de Zeltia, artesá tecedora e mestra de tear) para “visitar as tecedoras de máis idade e aprender xeitos de traballo que se perderían cando faltasen elas porque ninguén se interesaba”, lembra.
- Zeltia quedou con gañas de saber máis do seu padriño e do que fixeran os artistas-artesáns da súa familia, e falou e indagou en arquivos audiovisuais, ao tempo que vivía en Barcelona, onde foi pasar unha tempada e terminou por vivir 20 anos “sempre coa idea de volver a Galicia”, subliña.
- Dende hai anos ela mesma é artista audiovisual, participa en proxectos sociais en Barcelona e nalgúns lugares de Iberoamérica, e leva uns anos “explorando o desarraigo, a procura de liberdade e a relación coas herdanzas”… e así volveu ao seu pasado e lembranzas familiares.
- Ao chegar o seu 40 aniversario, unha crise “vital, afectiva e de desarraigo” trouxo a Zeltia a Barbadás onde gravou conversas coa súa nai. “Graveina moitísimo antes de que morrera, no tempo da pandemia”, sinala.
- Entre idas e voltas a Barcelona, e coa pandemia como acelerante, pensou en como relacionar todo o que revivía, o gravado, o que lembraba e o que ía descubrindo.
Programas e desfiles na televisión pública
- “Nos anos 80, coa súa actividade investigadora polas aldeas, meus tíos Antonio e Concha deron pulo a un oficio que parecía estar camiño da extinción, recolleron xeitos antigos de traballar e fixeron cousas novas con todo o que aprenderon. En toda a efervesciencia política e cultural daqueles anos en Galicia, eles enfocáronse na artesanía, na moda sen procesos industriais, e na consolidación da Asociación Galega de Artesáns”, relata con entusiasmo.
- No ano 1986 segundo soubo Zeltia, houbo un desfile de moda dos Outeiriño no pazo de Bentraces, co que se fixo un programa televisivo co título Gris de Nube. Outros desfiles coas pezas de Antonio e Concha fixéronse na Coruña e o programa Metrópolis da 2 de TVE adicoulle o programa “A. Outeiriño, diseño de moda” en 1986. Ese espazo de La2 segue a ser un referente no eido da arte contemporánea.
- “A familia xiraba arredor das ideas e iniciativas de Antonio e sempre enchía a casa de festa”, segundo as lembranzas de Zeltia, que perdeu ao seu padriño canto tiña 14 anos. Ela mesma desfilou na Coruña vestida con roupa de “primeira comuñón”.
- “Agora quero recuperar a súa memoria e teño máis do 90 por cento do material que preciso para facer unha longametraxe equilibrada, na que tecer todo arredor do triángulo da miña nai, o meu tío Antonio e eu mesma”, confesa a autora audiovisual.
- A longa xa ten título, será “Patarinos”, o alcume do seu avó Pepe dende que, con tres anos, descubriu un niño nunha árbore e sinaloullo o seu pai para amosarlle un “patarino”, pois non sabía dicir paxariño. “Agora toda a familia somos os Patarinos de Bentraces”, engade con sorriso.
“Encántame a metáfora obvia do Patarino que herdamos todos do avó Pepe, e tecela con Antonio e Conchi que aprenderon nunha aldea de Viana do Bolo a técnica portuguesa de tecer con plumas, e co meu xeito de vivir a miña familia, coas gaiolas, coa liberdade”, relata Zeltia.
Final en Bentraces en 2023
- Asegura que en 2023 rematará a película, xa publicitada pola produtora barcelonesa, e será con “unha sesión de rodaxe na aldea de Bentraces”.
- Para chegar a ese punto, Zeltia indagou no mundo da moda galega, antes descoñecido para ela, leuse teses doutorais da facultade de Belas Artes de Pontevedra e entrevistouse con Cristina Varela, profesora e autora dunha delas.
“Ela non sabía do meu tío pero axudoume a coñecer máis, porque levoume a pensar que a moda galega ía por un camiño de prêt-à-porter mentres o meu tío e Conchi estaban centrados na artesanía coa marca A. Outeiriño. De feito el dicía que non facía moda senón teas, e tódalas súas andanzas no deseño de moda eran no marco da Asociación Galega de Artesanía, que comezaba a camiñar”.
- Tamén se entrevistou con Xavier Moreda, o fundador da revista “Tintimán” en Vigo que coñeceu a Antonio e foi o perruqueiro no seu desfile da Coruña.
- Verémonos en Bentraces pois, en breve!!!