25/11/2022

Zona Franca apoia a Barbadás na localización de chan empresarial

ZONA FRANCA DÁ APOIO TÉCNICO AO CONCELLO DE BARBADÁS NA LOCALIZACIÓN DE CHAN EMPRESARIAL 

O delegado do Estado, David Regades, reuniuse co alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, e técnicos do Concello e do Consorcio.

 

A Zona Franca de Vigo dará apoio técnico ao Concello de Barbadás na localización de chan empresarial tras a petición do seu alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, que mantivo unha reunión de traballo co delegado do Estado, David Regades, á que tamén asistiu a primeira tenente de alcalde, Victoria Morenza, así como técnicos municipais e do Consorcio da Zona Franca.

 

O delegado do Estado, David Regades, asegurou que “Zona Franca pode axudar ao Concello de Barbadás a enfocar as súas necesidades de chan porque temos unha experiencia de 75 anos desenvolvendo parques empresariais, que deron como resultado 8 millóns de metros cadrados para as empresas”. Neste sentido lembrou que “grazas a eses investimentos tan ben planificadas podemos dicir que a produtividade media por empregado das empresas instaladas en parques que desenvolve a Zona Franca é superior á media da contorna”.

 

Pola súa banda, o alcalde Xosé Carlos Valcárcel, sinalou que “para o goberno de Barbadás obter chan empresarial é unha das nosas prioridades”. Engadiu que “esta prioridade vén dada por factores que temos que poñer en valor, como son a nosa proximidade á capital, a existencia dunha boa rede de comunicacións e o noso dinamismo poboacional, caracterizado pola súa mocidade e nivel de formación. Sen esquecer o potencial do noso tecido comercial e empresarial”.

 

Zona Franca realizará un estudo inicial sobre as posibilidades de chan empresarial no municipio, de forma que sirva de base ao Concello para a elaboración dun estudo de demanda, primeiro paso para poñer en marcha a catalogación de chan empresarial.

 

Barbadás é un dos escasos concellos da provincia de Ourense que gañou poboación na última década e carece dun parque empresarial no que se poidan establecer empresas, que xa se interesaron polo municipio nos últimos tempos. A súa proximidade á capital ourensá permitiulle crecer e asentar poboación, o que lle converteu nun municipio atractivo para a actividade económica.

 

O delegado do Estado visitou Barbadás o pasado mes de xullo para reunirse con empresarios e emprendedores, que se interesaron por coñecer as ferramentas de Zona Franca Vigo para apoiar proxectos, o financiamento a través de Vigo Activo ou programas de aceleración e internacionalización. Froito daquela primeira toma de contacto xorde agora esta colaboración co Concello de Barbadás

Barbadás Quéreo Viveo, Novas

CONTENT.1713514656

SINGLE.1713514656