02/12/2022

A “fábrica de santos” de Barbadás deu traballo a ducias de familias durante 30 anos para facer cerámica e porcelana

Emprendemento en Barbadás

Sinda Benavies Cacheiro e María Eugenia Forneiro Cruz diante da casa que nos anos 70, tiña no baixo o forno da empresa de cerámica "Ceramicart", antecedente de "Galos" . -Concello de Barbadás

Barbadás tivo unha fábrica de cerámica instalada a finais dos 60 na zona do Rosario (na estrada principal, por baixo de Soutovello) chamada “Ceramicart”. No 1970 trasladouse a unha nave no Pontón, e alí trocou en fábrica de porcelana co nome de “Galos”.

  • Nas dúas (do mesmo empresario) traballaron ducias de familias chegadas de Portugal e do propio Barbadás. Os veciñ@s alleos aos traballos da empresa, falaban dela como unha “fábrica de santos”, segundo nos contou Sinda Benavides, unha das traballadoras e veciña da Carreira, en Barbadás.

 

  • Sinda e María Eugenia Forneiros Cruz son amigas dende que comezaron a traballar en Ceramicart, cando tiñan arredor de 14 anos. A  primeira asalariada das dúas foi María Eugenia que sitúa a súa entrada no mundo laboral no ano 1970 nesa empresa. Poucos meses despois faríao Sinda.
    Na casa do Rosario, onde estivo a empresa,  vive agora unha familia pero daquela vivía na parte de arriba algún dos propietarios e na planta baixa estaba o forno para as pezas de barro”. Do outro lado da estrada, segue hoxe a casa na que ensaiaba daquela o grupo musical Los Suaves, “que metían bastante ruído”, lembra María Eugenia.
    Sinda conta  ademais que no camiño cara o traballo pasaban preto do forno de pan, e “a  zona de paso tiña sempre arrecendo a aqueles bolos”.

 

  • Na memoria das dúas quedou aquela etapa como un momento “feliz” pois traballaban con xente moi nova, coma elas, e fóra do intenso horario laboral compinchábanse para organizar xuntanzas e diversión.

 

  • Os propietarios, que elas lembran eran Francisco Pérez Pérez (fillo de Gabriel Pérez Caldelas, propietario do bazar Gapecal de Ourense) e o seu cuñado Ventura Pascual que finou uns anos despois.
    Os deseñadores eran Francisco Pinto e o seu pai, chegados de Portugal, e algúns anos máis tarde, dende 1983, tamén facía ese traballo o artista ourensán Chema Dapena .
Sinda Benavies Cacheiro e María Eugenia Forneiro Cruz diante da casa que nos anos 70, tiña no baixo o forno da empresa de cerámica "Ceramicart", antecedente de "Galos" . Barbadás 30/11/22 - Concello de Barbadás
Sinda Benavies Cacheiro e María Eugenia Forneiro Cruz diante da casa que nos anos 70, tiña no baixo o forno da empresa de cerámica “Ceramicart”, antecedente de “Galos” . Barbadás 30/11/22 Foto Rosa Veiga

Traballadores e técnicos de Barcelos

  • Segundo María Eugenia, os primeiros traballadores eran case todos de Portugal. A maioría deles asentaron e formaron familia en Barbadás. “Cando eu celebraba os aniversarios da miña filla chegaban a asistir unha trintena de nenos e nenas”, lembra, porque a vida fóra da fábrica era coa mesma xente que dentro.

 

  • Calculan que a empresa cambiou de instalacións a mediados dos anos 70 do pasado século, aínda se adicou á cerámica durante uns anos, antes de trocar en fábrica de porcelana e mesmo o nome, que pasou a ser “Galos”.
    “Na nave de Galos, onde agora se ve unha planta toda de fiestras, estaban as vivendas da maioría das familias  que viñan de Portugal, porque en Abeiro, na empresa Vista Alegre, tiñan máis experiencia en traballar cerámica e porcelana, e até había gardería para os pequenos, o que daquela era toda unha vantaxe para nais e pais traballadores”, engade María Eugenia.

 

  • Na porcelana, como antes na cerámica, o traballo de María Eugenia era “ensamblar as pezas de cada figura, que se facían en moldes separados” mentres que o de Sinda era pintar. Lembran  o proceso máis complexo da porcelana “pois requiría pasar dúas veces polo forno”, di Sinda.

 

  • Lembran deseños con gran éxito como as “damas”, unha carroza festiva de case un metro de grande “e que daba moito traballo”, unha escena de merenda con dous “velliños ao carón dunha árbore e  baixo un paraugas”, afiadores etc.
    “Traballábase moito pero tamén nos xuntábamos para facer festas porque un compañeiro tiña un tocadiscos”, detalla Sinda.
    O horario que lembran ía de 8,00 a 13,00 e de 15,00 a 20,00,  e son capaces de poñer nome as persoas que traballaron alí.
    Chegaron a ser máis de 60, conta María Eugenia, e con axuda de Sinda lembra a Marga, os dous Julios, Ester, Carlos, Pepe “o barquilleiro” de Pontón e moitos máis.
Maria Eugenia Forneiro Cruz e Sinda Benavies Cacheiro diante das instalacións da empresa de porcelana "Galos" no Pontón . Barbadás 30/11/22 Foto Rosa Veiga
Maria Eugenia Forneiro Cruz e Sinda Benavies Cacheiro diante das instalacións da empresa de porcelana “Galos” no Pontón . Barbadás 30/11/22 Foto Rosa Veiga

A crise chegou á Galos

  • Sinda marchou da empresa en 1986, con 29 anos, despois de ter tres fillas e María Eugenia seguiu até o Expediente de Regulación de Emprego que en 2004 deixou fóra da empresa a un bo grupo de traballadores.
    “Cando comezaron a traer vasos e botellas de cristal, fabricados en China, para que os pintáramos, algo ía xa mal e engadiuse a crise económica, así que moitos quedamos fóra e a empresa mudou cara o polígono de San Cibrao das Viñas”, relata María Eugenia.

 

  • Pola súa banda, o deseñador Francisco Pinto abriu fábrica propia en Manhente (Braga, Portugal) e segue a traballar nela.

 

  • A nave do Pontón, aínda ten o nome de Galos na fachada, un gran mural de azulexos esmaltados e un can que é atendido por outra ex-traballadora da empresa que vive preto dela.
Sinda Benavies Cacheiro e Maria Eugenia Forneiro Cruz diante das instalacións pechadas de "Galos" . Barbadás 30/11/22 Foto Rosa Veiga
Sinda Benavies Cacheiro e Maria Eugenia Forneiro Cruz diante das instalacións pechadas de “Galos” . Barbadás 30/11/22 Foto Rosa Veiga

 

Barbadás Quéreo Viveo, Novas

CONTENT.1714191415

SINGLE.1714191415