08/05/2024

A segunda edición do paseo literario “O Piñor de Carmen Martín Gaite” avanza a celebración do centenario da escritora universal

O paseo literario “O Piñor de Carmen Martín Gaite” afiánzase no calendario como unha interesante cita cultural para coñecer aqueles espazos de San Lourenzo de Piñor que deixaron unha fonda pegada na poética narrativa da novelista salmantina. A segunda edición celebrarase este sábado 11 de maio e foi presentada esta tarde no local social da parroquia pola tenente de alcalde, Victoria Morenza, a concelleira de Cultura, Ana Belén Peleteiro, e o estudoso David González Couso, que acompañará aos asistentes no paseo literario que arrancará ás 10.30 horas neste mesmo punto.

A procedencia galega da familia materna de Carmen Martín Gaite provocou longas estancias nos veráns da posguerra que foron enchendo de anécdotas e descricións os textos da que sería Premio Nacional das Letras ou Premio Príncipe de Asturias. Nesta segunda edición, como novidade, inaugurarase un panel no que figuran todas as paradas que forman parte do percorrido das tres obras literarias de Carmiña situadas integramente en Piñor: Las ataduras, Retahílas e El pastel del diablo.

O percorrido, no que xa se inscribiron máis dun cento de persoas, comezará no Centro Social de Piñor ás 10.30 horas e concluirá no Campo de Roma, moi preto de onde se sitúa a que foi a casa familia Gaite ata mediados os anos 60 do século XX. Na metade da xornada haberá ocasión para dialogar e degustar uns petiscos no bar O Regueiro. A lectura de textos e a música a cargo de Nova Fronteira Barbadás serán os acompañantes para esta xornada literaria.

A tenente de alcalde, Victoria Morenza, subliñou que de cara ao primeiro centenario do nacemento “é unha honra estar planificando os actos de homenaxe a esta ilustre escritora”. Tamén explicou que “moitos dos lugares que imos percorrer o sábado aparecen nas súas novelas e esta a iniciativa poñerá a Piñor no mapa da literatura universal”.

A concelleira de Cultura, Ana Belén Peleteiro, asegurou que este paseo “será un punto de encontro para os amantes das letras e para poñer en valor a importancia de San Lourenzo de Piñor na vida da escritora, a nosa Carmiña”.

González Couso afirmou que esta homenaxe “pon no lugar que merece a Carmen Martín Gaite e a inauguración do panel supón a antesala de cara a programación dos actos que se levarán a cabo con motivo do centenario”.

A próxima cita para este roteiro será o sábado 1 de xuño, organizada esta vez polo CAFI (Centro Autonómico de Formación e Innovación), e dirixida ao profesorado interesado previa inscrición na plataforma da Consellaría de Educación.

Unha ampla programación para o 2025

A iniciativa englóbase no programa de actos que se prevén cara o centenario do nacemento da escritora que terá lugar no 2025 e do que forman parte tamén dúas novas publicacións do profesor Couso, a realización dunhas xornadas para investigadoras e investigadores e o material didáctico que contribuirá á reivindicación deste espazo como clave no facer literario dunha escritora de recoñecemento internacional.

Que Carmen Martín Gaite, escritora universal, gañadora do premio Príncipe de Asturias e unha das plumas máis recoñecidas en lingua española, teña o lugar que se merece en Barbadás é o obxectivo que levou ao Concello a elaborar un proxecto para o seu centenario que erixirá a Piñor na capital do universo literario e vital da escritora. A iniciativa xa conta co respaldo do Ministerio de Cultura.

O alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel; a tenente de alcalde e impulsora do proxecto, Victoria Morenza, e a concelleira de Cultura, Ana Belén Peleteiro, reuníronse co secretario de Estado de Cultura, Jordi Martí, e a directora xeral do Libro, María José Gálvez. O encontro foi moi positivo, xa que o Ministerio manifestou a súa aposta por ensalzar a figura de Martín Gaite, especialmente no seu centenario, e con San Lourenzo de Piñor como epicentro.

 

Novas

12/10/2024

As obras de mellora do firme nas Rúa Alvaredo, Principal de Loiro e Lameiro do Mato chegan ó seu tramo final

12/10/2024

Convocatoria de subvencións 2024 para as Asociacións Culturais do Concello de Barbadás

2024-Banner-Subvención asociacións culturais - concello de Barbadás

Prazo de presentación, 20 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación no Boletín Oficial da Provincia.

11/10/2024

Convocatoria de subvencións 2024 para as Asociacións Veciñais do Concello de Barbadás

2024-Convocatoria de Subvención asociacións veciñais - 2024 - concello de Barbadás

Presentación de solicitudes: 20 días naturais, a contar desde o día seguinte da publicación no Boletín Oficial da Provincia de Ourense.

CONTENT.1729011115

SINGLE.1729011115