20/10/2023

A substitución de antigas luminarias por tecnoloxía LED continuará en Barbadás para acadar o 75 % do aforro na factura da luz

A aposta do Concello de Barbadás pola eficiencia enerxética coa substitución das luminarias antigas por tecnoloxía LED remóntase ao ano 2015. Dende entón, levouse a cabo a renovación nos pobos de Sobrado, Parada, Fonsillón, Pontón e nun terzo da Valenzá. Co voto a favor de todos os grupos e a abstención do BNG aprobouse no pleno extraordinario de onte a continuación desta actuación en Barbadás e en Bentraces coa solicitude dunha subvención do Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE) que ascende a 379.000 euros.

Segundo o proxecto, substituiranse un total de 558 antigas luminarias por tecnoloxía LED e reducirase nun 75 % a factura da luz, cun aforro estimado de 36.000 euros. Con esta nova actuación quedarían renovadas as luminarias de dous terzos do concello.

Tal e como explicou a concelleira de Servizos Públicos, Victoria Morenza, o grupo de goberno leva anos traballando a favor da eficiencia enerxética e os datos falan por si mesmos: “Conseguimos reducir a contaminación lumínica e o custo do subministro eléctrico no alumeado público. Os veciños e veciñas contan cunha tecnoloxía con gran capacidade de iluminación cun escaso consumo”.

Na sesión plenaria que se celebrou onte á tarde en Barbadás tamén se aprobou un suplemento de crédito de 197.143 euros para facer fronte a facturas de Gas Natural e Naturgy correspondentes aos anos 2021 e 2022.

Co voto encontra do BNG e a abstención de Partido Galego saíu adiante unha modificación de créditos coa modalidade de transferencia entre partidas de diferente grupo. Debido a que non se puido celebrar a Romaría Feminista realizarase a transferencia dos fondos á partida de pagos por recollida de residuos, tendo en conta que a factura aumentou considerablemente nos últimos meses.

Novas

CONTENT.1733943498

SINGLE.1733943498