08/08/2021
Alfonso, Dani e Víctor, os últimos do barallete?
Emprendemento en Barbadás
- Alfonso Rey Fernández, o seu fillo Daniel e o amigo Víctor José Castro Rivera son músicos dende que teñen consciencia, segundo din, e forman parte da orquestra Espiga, que antes chamouse Amanecer, Sensación, Vaguada, Arabia, Alborada e xa foi Espiga antes, nos anos 70 e 80.
- Moitos anos de músicos “ambulantes” fixeron deles uns falantes habituais da xerga dos músicos ou “barallete dos xingros” como se di nesa fala de uso gremial e semellante a dos afiadores e canteiros.
- “O barallete xurdiu pola necesidade de falar entre os músicos sen que os demais entenderan o que falamos, porque cando íamos tocar a unha aldea, nos anos 60, 70 e 80, @s veciñ@s encargábanse de darnos o xantar e cada familia acollía a dous ou tres músicos na súa casa, e así podíamos falar de si a comida estaba boa ou non, por exemplo, sen que se decataran”, lembra Alfonso.
A importancia de dicir “abuñar”
- Sobre esa lingua minoritaria, Dani explica que “abuñar” é o verbo comodín “que vale para todo en barallete” pois ven a ser “ser, estar, parecer, ver, facer…” segundo o contexto do resto da frase.
- “Abuña muquición copo” é como se di que “a comida está boa”… e era importante, segundo o que viviu Alfonso, que os músicos estiveran contentos co trato recibido para tocar nas sesións vermú, na tarde e na verbena nocturna. “As familias competían para ver quen daba máis de comer e beber os músicos que lle tocaba atender na casa”, relata.
- Víctor asegura que soubo do barallete por Alfonso e outros “músicos de máis idade que tocaban en bandas”, e esas bandas sempre foron numerosas no concello de Barbadás. Precisamente neste concello, e no de Celanova e contorna, parece estala orixe desa lingua gremial, segundo varias investigacións como a de Carlos Diéguez ou a da asociación cultural Ben Cho Shey.
- As persoas das orquestras e bandas ourensás que tocaban nas festas de toda Galicia, adoitaban xuntarse antes de saír ou recén chegados de volta, para falar dos proxectos e vivencias, e facíano no bar Marbella ou no Rías Baixas.
- Neste último até había sesións de “karaoke” ás que acudían representantes musicais na procura de novas voces para as súas orquestras. “Había moitas persoas nese mundillo”, segundo lembran. Agora “está máis profesionalizado e non hai tanto contacto”, detallan.
Hoxe hai músic@s pero non hai gremio
- Alfonso, Dani e Víctor concordan en que músic@s hoxe non son gremio. “Antes ensaiabamos e tocábamos para pasalo ben e xa de paso, sacar algo de diñeiro, pero tiñamos outro traballo para vivir. Dende os anos 90 hai músicos moi bos, moito músico con soldo durante todo o ano, sen conciencia de gremio nin de pasalo ben, todo é ben distinto”, aseguran.
- En conversa mantida no local de ensaio que Alfonso ten na casa, entre As Lamas e A Valenzá (na terra de ninguén chamada rúa Roferta), non son partidarios de que unha aldea “venda os piñeiros do monte para pagar unha macro-orquestra e competir así cas que contratan outras aldeas, polo espectáculo visual”, fronte a “tempos pasados” nos que se competía pola calidade e variedade da música.
- Por eses cambios no sector, creen que o “barallete dos xingros” non parece ter futuro, e lembran que hai tempo mantiñan conversas nesa lingua descoñecida para mantela viva e mellorala. “Discutíamos como se dicía cada palabra porque ás veces, era algo diferente segundo en que zona vivise o músico, e hoxe case non hai con quen falala”, lamenta Alfonso.
- O que narra máis historias é Alfonso, que na súa traxectoria lembra seis meses de actuación diaria nunha “barra americana” de Seixalbo de finais dos anos 70, ou actuacións como músico de acompañamento para grupos como a xuvenil “La pandilla” , cantautores como Bernardo Xosé ou cantantes como Ana María Montana (con esta tamén tocou Víctor).
- Alfonso deu a coñecelo barallete ao seu fillo Dani e a Víctor, e podería falalo con fluidez con outros como Carlos Romero Loren Tabarés e os demais integrantes de “Abuña Jazz” , entre outros. “Precisamente o nome dese grupo é barallete, pola palabra abuñar”, detalla.
- Ademais da evolución do sector, a pandemia paralizou a actividade en marzo de 2020, e mentres se reactiva e se van reconstruíndo os grupos e orquestras, os tres soñan con ser de novo os “granxos da godaxa”, que ven sendo os “reis da festa” no seu barallete.