27/11/2023

Barbadás atenuará o efecto illa de calor urbana creando sombras e unha charca para anfibios no entorno do Regato dos Muíños

O cambio climático é unha realidade que se reflexa nas altas temperaturas rexistradas nis últimos anos e o Concello de Barbadás quere adiantarse para que os seus efectos sexan o menos prexudiciais posibles para a cidadanía. Por iso solicitou á Consellería de Medio Ambiente unha subvención para a realización de accións de mitigación e adaptación ao cambio climático e elaborou un proxecto que inclúe tanto a reforma dun espazo público orientada á atenuación do efecto illa de calor urbana, como unha campaña de sensibilización para implicar á cidadanía na loita contra as consecuencias do quentamento global.

A actuación que se levará a cabo en Barbadás será unha das sete que subvencione a Xunta de Galicia para a realización de accións de mitigación e adaptación ao cambio climático.

O espazo urbano no que se actuará para atenuar os efectos das altas temperaturas é o entorno da rúa Regato dos Muíños. Tal e como se establece no proxecto, levaranse a cabo as seguintes actuacións:

  • Creación dunha charca para anfibios de 25 metros cadrados, incluíndo plantas acuáticas autóctonas.
  • Pavimentación con materiais en acabado permeable nunha superficie de 50 metros cadrados.
  • Plantación de 4 cerdeiras autóctonas.
  • Instalación de dous bancos e unha papeleira.
  • Instalación dunha pérgola de madeira cunha vide.

Barbadás contará así cun espazo que atenuará o riso de calor extremo e que incidirá na mellora da calidade do aire, ao mesmo tempo que se ofrece aos veciños e veciñas un espazo idóneo para o lecer.

Para sensibilizar á poboación levaranse a cabo xornadas no novo espazo urbano da charca para anfibios. Neste mesmo punto instalarase un panel informativo con contidos orientados á conservación  da fauna e flora autóctonas e á loita contra o cambio climático. As xornadas de concienciación tamén se trasladarán aos centros educativos.

O orzamento para levar a cabo o proxecto ascende a un total de 20.000 euros e o prazo de execución das actuacións para a naturalización do espazo urbano é de 4 semanas. As accións de sensibilización comezarán unha vez concluídas as obras e levaranse a cabo durante dúas semanas.

A concelleira de Parques e Xardíns, Victoria Morenza, asegura que co proxecto conseguirase crear un espazo de biodiversidade propio nun lugar moi frecuentado non só polos veciños e veciñas de Barbadás, senón tamén polos da cidade de Ourense e insiste na importancia deste tipo de iniciativas para loitar contra os efectos do cambio climático: “Para o Concello as actuacións en favor do medio ambiente son fundamentais. Trataremos de incidir nestas intervencións sustentables para o territorio.”

 

Novas

CONTENT.1734159562

SINGLE.1734159562