10/10/2023
Barbadás busca a 700 familias que se impliquen na campaña “Ti tes a chave”, pioneira na recollida de materia orgánica
Mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas é o principal obxectivo do Concello de Barbadás, que vén de poñer en marcha a campaña “Ti tes a chave”, que fomentará a compostaxe e a implantación do colector marrón pechado a pé de rúa. O municipio será así pioneiro na provincia en promover a recollida da materia orgánica en colector marrón para os residentes no casco urbano e para os grandes produtores.
Un total de 700 familias da Valenzá poderán implicarse na recollida separada de materia orgánica. Para facilitar a súa participación, nas accións a pé de rúa repartiranse cubos aireados de 10 litros e 2.100 atados de bolsas compostables, xunto co folleto explicativo e unha chave. Ditas accións levaranse a cabo mañá nunha carpa que se instalará na rotonda da Familia en horario de 10.30 a 13.30 horas e ao principio da Valenzá de 15.30 a 18.30 horas.
Os veciños e veciñas recibirán toda a información para poder colaborar con esta iniciativa ambiental. Explicaráselles que para abrir o colector marrón precisarase unha chave que permitirá acceder aos colectores que estarán pechados para conseguir un reducido número de impropios que permita levar a materia orgánica a unha planta de compostaxe para convertelos en abono.
Para a posta en marcha deste proxecto contouse cunha axuda da Xunta de Galicia e dos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia do Goberno de España por un importe de arredor de 50.000 Euros dos que o Concello aporta o 10%.
Planta de tratamento
A implantación do colector marrón no concello de Barbadás está condicionada pola posta en marcha dunha planta de tratamento para converter a materia orgánica en compost, e na actualidade as instalacións anunciadas pola Xunta de Galicia para este fin aínda non están en funcionamento. Tal e como explican dende o executivo local, polo momento levarase a materia orgánica ata a planta privada mais próxima que está no concello de Leiro.
O colector marrón está pensado para zonas con edificios de vivendas, pero o Concello tamén conta cunha solución para o rural cos composteiros individuais, dos que xa se entregaron nos últimos anos máis de 300 unidades. Todas aquelas familias que conten cunha parcela poden solicitalo e seralles entregado de xeito gratuíto.
As persoas que queiran darse de alta poderán facelo tamén a través da páxina web do concello www.barbadas.es , nas oficinas municipais da Valenzá no 988 39 31 68 ou no Concello no 988 36 00 00.
As familias que o soliciten recibirán a visita dos técnicos que o montarán e lles explicarán como poñelo en funcionamento para conseguir un compost de calidade que poderán aplicar nos seus propios cultivos, unhas semanas despois recibirán unha segunda visita de seguimento.