03/11/2023
Barbadás clausura o Obradoiro de Emprego no que se rehabilitou o lavadoiro de Quintas e ata se construíu un “hotel para insectos”
Xa o subliñou o alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel: “Debemos de dar un valor moi positivo ao Obradoiro de Emprego que hoxe clausuramos, xa que se desenvolveu durante 12 meses cando o habitual é que este tipo de iniciativas non se estendan tanto no tempo”. Ao longo de todo un ano, unha vintena de alumnos e alumnas deste concello e de Taboadela, Toén e San Cibrao, recibiron formación que facilitará a súa inserción laboral.
O acto de entrega de diplomas tivo lugar esta mañá no Centro Empresarial Transfronteirizo onde, tal e como asegurou Valcárcel aos participantes no Obradoiro, “sempre teredes a vosa casa”. Asistiron rexedores e concelleiros dos catro concellos que se sumaron á iniciativa e o xefe do Servizo de Formación, Emprego e Orientación Laboral da Xunta de Galicia, Rodrigo de Luis Francisco. Este último puxo en valor o traballo realizado polos alumnos e alumnas e este tipo de iniciativas que promoven a formación e a inserción no mundo laboral.
Dende o pasado mes de novembro, os participantes no Obradoiro recibiron formación diaria en actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e en operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización. Así, no concello de Barbadás realizaron traballos de acondicionamento, conservación, mantemento e rehabilitación do lavadoiro público situado no lugar de As Quintas, en Piñor ademais da limpeza, despexe e roza da contorna do lavadoiro.
No módulo forestal tamén efectuaron labores de roza e limpeza de terreos, poda selectiva de árbores medianas e grandes, con provisión de material para o seu posterior traslado; limpeza de leitos e desaugadoiros con medios manuais en terreo brando con vexetación media e retirada de elementos que invadiran a calzada.
Unha das iniciativas máis novidosas foi a construción dun “hotel para insectos”, situado no Centro Empresarial Transfronteirizo de Barbadás, co fin de axudar a protexer a especies como, por exemplo, crisopas, mariquitas e abellas, xa que se lles proporciona acubillo ante depredadores e as inclemencias do tempo, ademais de facilitar a polinización das plantas, axudando a incrementar a súa produción.
O Concello de Barbadás segue demostrando a súa aposta pola formación, a importancia da colaboración institucional entre os concellos e a importancia deste tipo de iniciativas para fomentar o emprego e a inserción laboral.