29/11/2022
Barbadás mellora a iluminación pública en Santa Uxía e na Valenzá
Subministración e instalación de luminarias con tecnoloxía led
BARBADÁS MELLORA O ALUMEADO PÚBLICO NA AVENIDA DE CELANOVA, EN 7 RÚAS ADXACENTES Á VÍA PRINCIPAL E EN TODO O POBO DE SANTA UXÍA
Un total de 7 rúas da Valenzá verán mellorada a iluminación pública co cambio a luminarias led. Trátase das rúas Ensino, Lameira do Mato, Canella, Severo Ochoa, Garrida, Presa e Tomás Rodríguez Punxín
A actuación comprende a subministración e instalación de luminarias con tecnoloxía led, a substitución dos brazos actuais por outros que eleven a posición da fonte de luz en casos de luminaria de estrada e a renovación dos centros de mando actuais
O custo global previsto da actuación é de 111.646,70 euros, financiados ao 80 por cento polo IDAE e o 20 % polo Concello de Barbadás
- Estas actuacións para a o aforro enerxético en iluminacións públicas enmárcanse nas axudas para proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible.
- As obras de execución xa comezaron na avenida de Celanova, na Valenzá. A arteria principal da Valenzá será obxecto do cambio de luminarias na marxe dereita dende a rotonda da Familia ata o límite con Ourense.
- Os farois fernandinos da avenida de Celanova serán obxecto de instalación de retrofilm de led e a eliminación dos difusores. En un total de 93 unidades destes farois de corte clásico instalaranse ópticas diferentes para alumear a distintos niveis para dar luz ao vial ou á beirarrúa.
- A eliminación de difusores realízase seguindo as recomendacións técnicas da Unión Europea, para rendibilizar a tecnoloxía led e para diminuír a contaminación lumínica.
- Un total de 7 rúas de A Valenzá verán mellorada tamén a iluminación pública co cambio a luminarias led. Trátase das rúas Ensino, Lameira do Mato, Canella, Severo Ochoa, Garrida, Presa e Tomás Rodríguez Punxín. Nestas 7 rúas substituiranse 78 unidades de luminarias e cambiaranse os brazos que se atopen en mal estado.
- En Santa Uxía procederase á substitución de todas as luminarias deste núcleo de poboación. Trátase de 36 puntos de iluminación os que verán mellorada a súa eficiencia enerxética.
- A axuda solicitada e xestionada polo Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE), dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, ten como obxectivo a realización do proxecto de aforro enerxético en determinados alumeados públicos do Concello de Barbadás, consistente na renovación das instalacións do alumeado, iluminación e sinalización exterior.
- Existen actualmente varias iluminacións municipais que se atopan deterioradas polo paso do tempo e con equipos obsoletos, polo que se fai recomendable a súa renovación cos seguintes obxectivos: minoración do gasto enerxético mediante o emprego de tecnoloxías máis eficientes, a redución da potencia instalada, o axuste dos horarios de acceso e a implementación de sistemas de regulación de consumo en horario de madrugada.
- Con esta iniciativa tamén se pretende a minoración dos gastos de mantemento mediante o aumento de vida útil das luminarias e a mellora das condicións de confort visual mediante o axuste dos parámetros de luminación a cada tipo de vial.
- O alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, explica que previamente á execución deste proxecto “desenvolveuse un inventario de todos os puntos de luz municipais incluíndo auditoría de cada centro de mando que serviu como documentación de base para a identificación das instalacións máis ineficientes e que resulta máis recomendable reformar”.
- A concelleira de Servizos Públicos, Victoria Morenza, explica que “as instalacións que se propón reformar con este proxecto caracterízanse polo emprego de luminarias obsoletas cun rendemento moi baixo, a utilización de lámpadas de vapor de mercurio moi ineficientes, o gran deterioro polo paso do tempo en luminarias e centros de mando e a presenza de equipos de redución de consumo en cabeceira actualmente avariados”.
- Morenza sinala que segundo o estudo técnico realizado “considérase que con esta actuación producirase unha redución do gasto de máis de 21.500 euros anuais e do consumo enerxético de máis de 84.100 kWh”.
- A actuación comprende a subministración e instalación de luminarias con tecnoloxía, a substitución dos brazos actuais por outros que eleven a posición da fonte de luz en casos de luminaria de estrada, a renovación dos centros de mando actuais, de varios tramos de condutor aéreo deteriorados, a dotación de proteccións contra sobretensións transitorias en cabeceira de instalación aos cadros existentes e a instalación de aceso mediante reloxo astronómico aos cadros existentes.
- O custo global previsto da actuación é de 111.646,70 euros, financiados ao 80 por cento polo IDAE e o 20 % polo Concello de Barbadás.
- Ao proceso de licitación presentáronse 7 empresas: CID ELECTRICIDAD SL, ELYTE XINZO, S.L.U., FORMATESA LALIN S.L, JESUS DEL CAÑO GONZALEZ, MANUEL NOVOA CASTRO, SEGADE SAELCO, S.A., e VILELA ELECTRICIDAD SL .
- O adxudicatario foi Jesús del Caño por un prezo do contrato de 81.982,34 euros.
- O orzamento de contrata previsto está valorado en 111.646,70 euros, dos cales 15.669,50 corresponden á redacción do proxecto técnico, 9.680 euros destínanse á dirección de obra e 86.646,70 son para a execución das obras de mellora de aforro enerxético.