28/06/2021

En Barbadás, o rock de setembro chámase “Tangaraño”

Emprendemento en Barbadás

Tangaraño cultural
  • Lugares tradicionais de Barbadás como o bar “O Carrabouxo” e o penedo do Tangaraño forman parte da pequena historia, polo momento, dun festival de rock que naceu nunha noite de troula de 2016 e chegou en 2018 á terceira edición.

 

  • O Tangaraño rock de Barbadás  víñase facendo en setembro. Está pendente da súa cuarta edición, adiada pola pandemia, pero é posible que tampouco se celebre neste 2021… ou si.

 

  • Estanlle a dar voltas Nely Perdiz Álvarez e Fernando Padrón Ferro e… quen sabe. Dependerá da normativa que se aplique a este tipo de eventos, detalla Fernando.

 

  • “Organizar un evento así da moitísimo traballo pero facémolo nós directamente para recortar os gastos porque en Barbadás hai moita xente nova que non ten outro festival de música no seu concello”, explica Nelly.

 

  • A idea do evento, que comezou, en 2016 foi de Nelly e de Andoni. A estrea foi co grupo Gintonic e as súas versións de Metallica, os Ultracáns da Coruña, Azero de Teruel  e Malheira de Ourense .

 

  • Este primeiro festival deu perdas… e os seguintes tamén, sempre asumidas polas persoas que o organizan. Fernando comezou colaborando e, coa marcha de Andoni, pasou a formar parte da directiva da asociación cultural. En 2018 contaron coas aportacións de comerciantes e empresarios, unha subvención pública para colectivos culturais e a venda de camisetas.

 

  • En 2019 contaron con material cedido polo concello como carpa, equipo eléctrico e baños químicos… e para 2020 xa comezara a venda de camisetas para ter todo a punto a finais de setembro … pero chegou a COVID.

 

  • Diferentes espazos de A Valenzá acolleron aos rockeiros cada ano, ata chegar ao parque dos Carrís, ao pé do Polideportivo de Barbadás . Nas redes sociais do Tangaraño Rock tendes un diario de cada festival, con vídeos dos grupos participantes, imaxes dos carteis, camisetas e do xantar elaborado por Nelly e Fernando para tódolos/as músicos e … e son a mostra do que será de novo en canto se poida…

 

  • Invitan a calquera persoa e entidade interesada en apoiar esa nova edición para que poida celebrarse e, segundo Fernando, terá que ser “ao grande”. Ela, operadora de cámara, el, funcionario, coa paixón común de facer os malabares que sexan necesarios para ofrecer un xeito ben diferente de remátalo verán.

 

Outros Festivais Tangaraño sen penedo menciñeiro

  • O nome do festival de Barbadás ten a súa orixe no penedo con “propiedades curativas” preto da capela de San Bieito, pero ten homólogos: hai un Festival Cultural Tangaraño na aldea de Sobradelo , no concello ourensán de Xunqueira de Ambía, onde Rochi Nóvoa Vázquez organiza dende hai 8 anos unhas xornadas con artistas de diferentes eidos.

 

  • A última edición ata o momento, neste ano 2021, foi diferente ás anteriores a causa da pandemia, e xuntou músicos, cantautores, persoas do teatro e escritores en lugares representativos de varios concellos lindeiros para ofrecer teatro, música e poesía transmitidos por internet.

 

  • Rochi, creadora do evento anual, contounos que lle puxo o nome de Tangaraño porque en Sobradelo a súa bisavoa era coñecida por “quítalo tangaraño  e correlo ar ós meniños que lle traían a casa”.

 

  • “Correlo ar era quitar problemas respiratorios, como manchas no pulmón, e un neno ou nena con tangaraño era un bule-bule, e con esa definición me identifico eu e cadra co espírito do festival, un sen parar”, detallounos.

 

  • Por outra banda, no concello de Mos a Asociación Cultural Tangaraño   organiza o festival Intercultural “O son do Tangaraño”, de música tradicional.

 

  • A súa presidenta, Cari Cabezas, explicounos que o festival “é pequeno e a asociación supera moitos atrancos para organizalo, pola falla de apoio institucional”. “Cando buscamos nome, pareceunos que tangaraño  nos identificaba e era sonoro”.

 

  • O colectivo pontevedrés ata deu visibilidade a un debuxo dese “diaño maligno” que é o  “tangaraño” (nas fotos), pero déronlle un aspecto lúdico e bailón.

Tangaraño - Nelly e Fernando

 

 

Barbadás Quéreo Viveo, Novas

CONTENT.1714106817

SINGLE.1714106818