23/09/2023
O Concello de Barbadás amplía o horario do Museo da Gaita para impulsar este referente cultural único en Galicia
Os auténticos sons de Galicia pódense escoitar na Rúa a Carreira de Barbadás, onde se empraza o Museo da Gaita de Fol. Trátase dun centro cultural único destas características e co fin de dar a coñecer todo o seu potencial o Concello decidiu ampliar o seu horario. Dende o 26 de setembro abrirá de martes a venres de 16.00 a 19.00 horas e os sábados de 11.00 a 13.00 horas.
Os visitantes terán a oportunidade de afondar no coñecemento da gaita, o instrumento referente en Galicia, e repasar a súa historia dende a Idade Media ata a actualidade. Neste sentido, cómpre destacar que o museo conta cun taller onde se poden ver as ferramentas que empregaban os artesáns en épocas pasadas e os materias cos que se constrúe este instrumento de música tradicional.
Tamén se ofrecerán aos visitantes obradoiros e outras actividades que se realizan ao longo de todo o ano no museo. Tamén as asociacións e as escolas poden concertar visitas guiadas enviando un correo electrónico á dirección museodagaita@barbadas.gal.
O Museo da Gaita de Fol conta con grandes atractivos para os visitantes que agora poderán achegarse a este centro cultural nun horario máis amplo. Barbadás consolídase así como un referente da música tradicional.