30/04/2024

O Concello de Barbadás reducirá un 75% a factura da luz coa substitución de 558 vellas luminarias por tecnoloxía LED

Barbadás, concello pioneiro na implantación da tecnoloxía LED nos espazos públicos, seguirá avanzando na substitución de vellas luminarias para conseguir a eficiencia enerxética na totalidade do municipio. Así, o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) vén de aprobar provisionalmente o proxecto para levar a cabo a substitución de 558 vellas luminarias nos pobos de Barbadás e Bentraces. O investimento ascende a 378.975 euros.

Nos núcleos de Barbadás e Bentraces existen varios alumeados municipais que se encontran deteriorados polo paso do tempo e con equipos obsoletos, polo que se levará a cabo a súa renovación para a redución da potencia lumínica, a minoración do gasto enerxético, a minoración dos gatos de mantemento, a mellora das condicións de confort visual e a redución da contaminación lumínica.

A actuación contempla a instalación de sistemas de regulación de potencia en horario de madrugada, o que reducirá os consumos e os custos económicos. Ademais, a telexestión das luminarias punto a punto permitirá adaptar a iluminación a condicións cambiantes ou eventos especiais.

Cómpre lembrar que Barbadás foi un concello pioneiro na substitución de vellas luminarias por tecnoloxía LED en pobos como Parada, O Fonsillón ou Sobrado do Bispo. Tamén se realizou o cambio nunha terceira parte da Valenzá e en gran parte da localidade de Piñor e Finca Fierro. En total, nos últimos anos levouse a cabo a substitución dun total de 1.500 vellas luminarias por tecnoloxía LED.

A tenente de alcalde, Victoria Morenza, valora moi positivamente a confirmación do proxecto por parte do IDAE, “o que suporá seguir avanzando para cambiar a totalidade das vellas luminarias do municipio e facer de Barbadás un referente en eficiencia enerxética”.

 

Novas

CONTENT.1716251155

SINGLE.1716251155