28/09/2023
O concurso “Barbadás a Bocados” serviu 10.000 pinchos nunha fin de semana e premia a Wakanda, O Bar dos Patos e A Cova do Savio
Os mellores petiscos teñen premio en Barbadás. O concurso Barbadás a Bocados, que contou coa participación dunha vintena de establecementos hostaleiros, serviu 10.000 pinchos na terceira fin de semana de setembro e premiou a tres locais pola calidade das súas propostas gastronómicas nun acto celebrado esta mañá no salón de plenos da Casa Consistorial.
Así, o primeiro premio do xurado popular foi para A Cova do Savio co pincho Aine e o segundo para Wakanda coa proposta M´Baku. Este último local tamén resultou gañador do primeiro galardón do xurado profesional, mentres que o segundo recaeu en O Bar dos Patos co seu Taco de orella. Os premiados disfrutarán dunha fin de semana nun hotel da cadena OCA en Oporto e os primeiros de cada categoría tamén recibiron un xamón de Coren. Ademais, entre todos os locais participantes repartíronse lotes do Consello Regulador de la D.O. Ribeiro e da cervexa Esmorga.
Os comensais do xurado popular que votaron para elixir os mellores petiscos do concello participaron nun sorteo que repartiu 6 cheques de 50 euros para mercar no comercio local e algúns deles xa recolleron o seu premio no acto desta mañá.
O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, agradeceu a participación dos hostaleiros e dos comensais e asegurou que o concurso Barbadás a Bocados é unha gran aposta do Concello para dar a coñecer o sector: “Repartíronse pinchos e tamén ilusión, porque se recoñece o gran traballo dos nosos establecementos”.
Na mesma liña, a concelleira de Comercio, Marga Pérez, asegurou que a valoración desta edición de Barbadás a Bocados foi “moi positiva” e destacou a gran afluencia que se rexistrou nos establecementos hostaleiros participantes, tamén de veciños e veciñas doutros concellos.
Constantino Iglesias, hostaleiro que interveu en nome do xurado profesional, agradeceu ao Concello a organización deste evento “que recoñece o traballo dos hostaleiros” e asegurou que para elixir aos premiados valorouse a presentación, sabor, aroma, dificultade, materia prima e punto de cocción. Insistiu tamén en que “os profesionais debemos aproveitar estas oportunidades para dar a coñecer o noso negocio”.
O concurso de pinchos “Barbadás a Bocados” consolídase como proposta gastronómica de referencia e nesta sexta edición aumentaron ata 18 o número de establecementos participantes: La Carabela, Claret´s Food, Oren Express, A Cova do Sabio, O Muiñeiro, Cacho Pizza, A Solaina, Brétema, Tarona, Wakanda, Estilo 46, O Bar dos Patos, O Chicote, As Catro ás, A Nova Farola, O Carrabouxo e Estambul Kebab.