21/12/2023

O Torneo Futsal de Nadal e Reis Concello de Barbadás reunirá aos mellores equipos de Galicia nas categorías infantil e cadete

O deporte tamén terá un papel protagonista na programación de Nadal do Concello de Barbadás. O Torneo Futsal reunirá os días 30 de decembro e 7 de xaneiro aos mellores equipos de Galicia de fútbol sala nas categorías infantil e cadete e pretende consolidarse como unha competición referente nesta disciplina deportiva. Prevese a participación de preto de 200 cativos.

Os detalles do torneo déronse a coñecer na presentación celebrada esta mañá no polideportivo municipal e á que asistiron a tenente de alcalde, Victoria Morenza; o concelleiro de Deportes, Cristian Rodríguez; o coordinador de Deporte Escolar da Xunta de Galicia, Carlos Bericat; o deputado provincial Jorge Pumar e o delegado territorial da Federación Galega de Fútbol, Raúl Rois, ademais de representantes de Academia Futsal.

Morenza asegurou que Barbadás volverá a ser este Nadal o epicentro dunha competición deportiva de gran nivel e destacou a aposta que realiza o Concello por este tipo de eventos. Nesta mesma liña pronunciouse o edil de Deportes, Cristian Rodríguez, que agradeceu o traballo levado a cabo por Academia Fustal e a colaboración da Deputación e da Xunta de Galicia. Bericat insistiu na importancia de seguir promovendo este tipo de competicións e de promover hábitos de vida saudable entre os escolares. Rois felicitou aos representantes de Academia Futsal “ao ser o primeiro caso no que un clube nace e se estrutura de arriba a abaixo na primeira tempada”.

A necesidade de ofrecer ás familias actividades de conciliación durante estes días de Nadal nos que non hai clase é outro dos valores engadidos do torneo e así o destacou o deputado provincial Jorge Pumar.

O presidente de Academia Futsal, Eulogio Pérez, subliñou que no torneo participarán clubes punteiros en Galicia e que a intención é que o evento deportivo se consolide no calendario. O coordinador da entidade, Javier López, asegurou que os días 30 de decembro e 7 de xaneiro en Barbadás vivirase “un gran espectáculo deportivo” e agradeceu ao Concello as facilidades para acoller o torneo. Pola súa banda, José Luis Dorribo, director deportivo, destacou a importancia de contar coa presencia da Selección Ourensana Infantil Femenina e dar así tamén visibilidade ao fútbol sala feminino.

 

 

 

Novas

CONTENT.1714342123

SINGLE.1714342123