04/09/2022
O veciño da Valenzá Víctor Rodríguez foi pioneiro en Galicia como xogador e agora empresario do “pitch and putt”
Emprendemento en Barbadás
A medio camiño entre A Valenzá e a cidade de Ourense, Víctor atopou 20.000 m2 no Fonsillón e alí abriu en xaneiro de 2019 “Pitch&Putt Ourense”, despois de acondicionar 18 buratos nos que poder xogar en circuíto durante máis de unha hora, con bola e paus pequenos de golf.
- Víctor Rodríguez Casar e a súa familia viviran antes en Sobrado do Bispo, e decidiron trasladarse a unha nova residencia na Valenzá “polos nenos”, e alí madurou a idea de emprender nun deporte que el descubrira e xogara dende os anos 90.
“Un mozo de Vilamarín foi o primeiro que preparou en Galicia un campo para este xogo irlandés, na súa volta despois de vivir en Cataluña, onde este deporte é o quinto en número de licencias”, detalla cando se lle pregunta por un deporte aínda descoñecido pero xa moi practicado en Galicia.
Nese campo Víctor xogou e gañou premios, e decidiuse a probar sorte como emprendedor. Abriu o seu primeiro campo no concello de San Amaro, en 2005, e despois tentou en Vigo, Santiago de Compostela, Boiro…
Deporte asequible e interxeracional
- “É un deporte para xogadores de perfil máis ben urbano, inspirado no golf; xurdiu en Irlanda nos anos 50 para facer fronte a crise do petróleo, xogando en campos máis pequenos e próximos ás cidades, para aforrar desprazamentos”, narra Víctor.
- Para o desenvolvemento e promoción deste novo deporte, o golf é un atranco “porque ten certa mala prensa”, engade. Así que comeza a defensa do “pitch and putt” e resalta que é para todas as idades e capacidades físicas.
“É totalmente apto para xogadores dende os 7 anos até máis de 80, que poden pasar aquí unhas horas cun xogo non moi esixente no aspecto físico, pero si con traballo mental, e xa cando rematan, poden tomar algo e conversar, e dá gusto escoitar o intercambio de ideas e estratexias que se fai entre as diferentes idades”, engade.
- Por riba, non resulta tan custoso “como se pensa normalmente” pois o equipo básico tense por 50 €. Consiste en tres paus, os que se usan no golf para as distancias máis curtas, e unha bolsa. “Cada día hai persoas que veñen xogar e se están nas primeiras veces, prestámosllo nós”.
- Tamén é un deporte no que se encontran cómodas persoas que practicaron outros deportes máis físicos, como o propio Víctor que foi xogador de rugby en Lugo, Lalín e Ourense. “Este require menos esforzo físico e mantente na competición”, sinala.
- No día deste encontro con Víctor para falar do intraducible “pitch and putt” no Fonsillón, quedamos a última hora do serán e máis de 20 persoas, en grupos de 3, 4 ou 5, xogaban en diferentes buratos, uns baixo o sol e outros na sombra de castiñeiros e piñeiros que viven hai anos nese campo.
Sen federación estatal pero sí europea
- Este deporte considerado especialidade do golf, conta cunha Asociación Galega de “Pitch and Putt” e ten competicións periódicas en diferentes Comunidades Autónomas.
- Algúns clubs e asociación están na Federación Nacional de Golf pero as galegas, catalás, vascas e andorranas, pertencen á Federación Internacional e á Europea de Asociaciones de Pitch and Putt xunto coa francesa, holandesa, irlandesa, etc. Así que os equipos poden competir en calquera deses países.
- Concretamente, na primeira fin de semana de xullo, o campo do Fonsillón acolleu un torneo de seleccións e a galega saíu gañadora. Galicia con 500 licencias para practicantes deste deporte e a metade son de persoas que xogan en Ourense, no Fonsillón ou nos campos de Puzo do Lago (Maside) ou no Pazo de Touza (San Amaro).
“A afición es Ourense é moito maior que no resto de Galicia porque os primeiros campos estiveron nesta provincia” aclara Víctor.
- Lamenta o pouco apoio institucional para as instalacións e para o propio deporte, que podería contar cunha escola propia na que poderían practicarse tamén outros dous deportes asociados en auxe que son o “footgolf” e o “disc golf” que xa se poden practicar no Fonsillón.
- Este é un dos proxectos de Víctor, pero “precisa apoio”, engade, e considera que non tería que ser tan complicado, e máis coas instalacións na raia entre dous concellos veciños.