31/10/2023

Os establecementos hostaleiros gañadores do concurso Barbadás a Bocados ofrecerán os seus pinchos en Xantar

Os mellores petiscos de Barbadás daranse a coñecer no Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar que se celebrará do 2 ao 5 de novembro en Expourense. Os pinchos gañadores do concurso Barbadás a Bocados, celebrado o pasado mes de setembro para dar impulso á hostalería, poderán degustarse nun espazo dedicado á promoción do concello. Barbadás ten moito que ofrecer e así quedará demostrado nesta 24 edición de Xantar.

A Cova do Savio, Wakanda Tapería e O Bar dos Patos mostrarán ao público os seus petiscos, gañadores do concurso no que participaron unha vintena de establecementos hostaleiros e no que se serviron preto de 10.000 pinchos. Ademais, no expositor do concello de Barbadás daranse a coñecer os produtos gastronómicos de referencia no concello.

José Manuel Morgade, concelleiro de Promoción Económica e Turismo, asegura que a presenza do concello de Barbadás en Xantar será “unha gran oportunidade para poñer en valor os produtos alimentarios de calidade e sostibles que se elaboran en Barbadás, e tamén un perfecto escaparate para dar a coñecer os servizos profesionais e gastronómicos da variada hostalería que se ofrecen no noso concello”.

Os visitantes que se acheguen ao expositor poderán degustar os pinchos gañadores do concurso Barbadás a Bocados e outros produtos típicos como a mel ou cervexas artesanais.

Exhibición de cociña en directo

Barbadás tamén se dará a coñecer en Xantar cunha exhibición de cociña en directo que fusionará tradición con innovación para crear sabores atractivos. As actuacións de música tradicional tamén amenizarán as visitas do público que se achegue a coñecer os recursos gastronómicos de Barbadás.

Novas

CONTENT.1730739140

SINGLE.1730739140