04/05/2024

Adxudicadas as obras para crear unha lagoa de anfibios no Regato dos Muíños que atenuará o efecto illa de calor

Barbadás contará cun espazo que atenuará o riso de calor extremo e que incidirá na mellora da calidade do aire. Emprazarase no entorno do Regato dos Muíños e mitigará o efecto illa de calor coa construción dunha lagoa para anfibios, a plantación de cerdeiras e a instalación dunha pérgola cunha vide que xerará espazos de sombra. O Concello vén de adxudicar as obras, que contan cun prazo de execución de 4 semanas.

A actuación que se levará a cabo en Barbadás para construír a lagoa e loitar contra as altas temperaturas será unha das sete que subvencione a Xunta de Galicia para a realización de accións de mitigación e adaptación ao cambio climático. Co fin de adiantarse aos efectos do quentamento global e que estes sexan o menos prexudiciais posibles para a cidadanía, o Concello de Barbadás solicitou á Consellería de Medio Ambiente esta subvención e elaborou un proxecto que inclúe tanto a reforma deste espazo público orientada á atenuación do efecto illa de calor urbana, como unha campaña de sensibilización para implicar á cidadanía na loita contra o cambio climático.

Máis en concreto, o espazo urbano no que se actuará para atenuar os efectos das altas temperaturas é o entorno da rúa Regato dos Muíños, na beira do río entre a travesía Tomás Rodríguez Punxín e a rúa da Presa, preto da zona de xogos infantís, no lugar de Vilaescusa. Tal e como se establece no proxecto, levaranse a cabo as seguintes actuacións:

  • Creación dunha lagoa para anfibios de 25 metros cadrados, incluíndo plantas acuáticas autóctonas.
  • Pavimentación con materiais en acabado permeable nunha superficie de 50 metros cadrados.
  • Plantación de 4 cerdeiras autóctonas.
  • Instalación de dous bancos e unha papeleira.
  • Instalación dunha pérgola de madeira cunha vide.

Coa creación dunha pequena lagoa, a plantación de catro cerdeiras ao seu redor e a instalación dunha pérgola preténdese xerar un espazo fresco pola combinación da humidade da lagoa e a sombra das árbores e da pérgola que axude a combater o efecto illa de calor dos espazos urbanos, potenciando as condicións actuais deste espazo verde.

A tenente de alcalde, Victoria Morenza, subliña a importancia de concienciar a poboación sobre o cambio climático e explicou que este proxecto que contempla a creación da lagoa para anfibios acompañarase con programas formativos para a mocidade: “Haberá visitas para o alumnado da zona e crearanse unidades didácticas para incidir na necesidade de frear o quentamento global”.

Acubillo para anfibios

Coa construción da lagoa tamén se pretende dar acubillo a especies de anfibios e coas cerdeiras dotarase de refuxio e alimentos aos pequenos paxaros, aumentando a biodiversidade da contorna.

Neste mesmo punto instalarase un panel informativo con contidos orientados á conservación da fauna e flora autóctonas e á loita contra o cambio climático. As xornadas de concienciación tamén se trasladarán aos centros educativos.

 

 

 

 

 

 

 

Novas

12/10/2024

As obras de mellora do firme nas Rúa Alvaredo, Principal de Loiro e Lameiro do Mato chegan ó seu tramo final

12/10/2024

Convocatoria de subvencións 2024 para as Asociacións Culturais do Concello de Barbadás

2024-Banner-Subvención asociacións culturais - concello de Barbadás

Prazo de presentación, 20 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación no Boletín Oficial da Provincia.

11/10/2024

Convocatoria de subvencións 2024 para as Asociacións Veciñais do Concello de Barbadás

2024-Convocatoria de Subvención asociacións veciñais - 2024 - concello de Barbadás

Presentación de solicitudes: 20 días naturais, a contar desde o día seguinte da publicación no Boletín Oficial da Provincia de Ourense.

CONTENT.1729011188

SINGLE.1729011188