07/05/2024

Barbadás eríxese en referente en protección e benestar animal e solicita máis recursos das administracións para cumprir a lei

A Corporación de Barbadás celebrou esta tarde o seu pleno ordinario, no que saíron adiante acordos relevantes como a proposta do goberno local para a mellora da financiación para o cumprimento da lexislación sobre benestar animal. Foi cos votos a favor de todos os grupos políticos agás o PP, que se abstivo. O Concello, referente en materia de protección animal, entregou a Progape, asociación protectora de Ourense, un total de 65 cans e gatos domésticos que foron abandonados ou perdidos ao longo do ano 2023. Actualmente existe no concello unha problemática coas colonias felinas e colabórase con dúas asociacións, asumindo o Concello a maior parte dos gastos de alimentación, as castracións e a atención veterinaria urxente.

Para levar a cabo todo este traballo de benestar animal son necesarios medios propios cun custo elevado e un importante traballo, polo que se solicita aos organismos competentes da Xunta, Deputación e do Estado os recursos precisos para o cumprimento da lexislación sen que sexa necesario recurrir aos fondos municipais.

A Corporación de Barbadás tamén deu luz verde, coa abstención do BNG e de Partido Galego, ao último trámite para a posta en marcha da comunidade enerxética Barbadás Enerxía, unha aposta decidida do Concello polo coidado do medioambiente e as renovables e que ten como obxectivo que os veciños e veciñas aforren no recibo da luz. Un total de 24 instalacións municipais foron analizadas para poñer en marcha o proxecto de Barbadás Enerxía coa instalación de paneis solares e decidiuse levar a cabo na pista polideportiva cuberta de Sobrado do Bispo, xa que conta con maior capacidade.

As placas fotovoltaicas darán servizo á poboación que resida nun radio de 2 quilómetros, é dicir, a esta localidade e a unha parte de Bentraces e Barbadás. Debido a que nesta instalación de Sobrado do Bispo apenas se rexistra consumo eléctrico, o excedente pasaría a ser utilizado polas persoas que forman parte da comunidade enerxética.

Na sesión plenaria tamén se aprobou, cos votos a favor do grupo de goberno e as abstencións dos grupos da oposición, a prórroga do convenio de colaboración coa Xunta de Galicia para accións de promoción da utilización do transporte público en Barbadás. Cómpre lembrar que hai seis anos que se aprobaron en pleno extraordinario as ordenanzas que esixiu a Administración autonómica para instaurar o transporte metropolitano sen que se deran pasos en firme para facer realidade esta demanda histórica dos veciños e veciñas.

O Concello destina cada ano arredor de 100.000 euros en bonificacións para o transporte en autobús, garantindo a gratuidade da viaxe para as persoas en risco de exclusión social e aplicando descontos de ata o 55% para o resto da poboación. En total, a comarca move 150.000 veciños e veciñas e o crecemento económico, a mellora da mobilidade ou o asentamento da poboación son só algunhas das vantaxes que tería a posta en marcha do servizo.

Outros acordos aos que se lles deu luz verde por unanimidade no pleno desta tarde foron a modificación da ordenanza de convivencia cidadá do Concello de Barbadás e da ordenanza de animais domésticos e salvaxes en cautividade.

Tamén prosperou, co apoio de todos os grupos políticos agás o PP, a moción do BNG a prol dunha ordenanza e dun servizo de normalización lingüística no Concello de Barbadás. Engadiuse unha emenda defendida pola concelleira de Educación, Marga Pérez, que establece que o Concello de Barbadás promoverá a creación do Servizo de Normalización Lingüística na modalidade de agrupamento de concellos para planificar e executar actividades dinamizadoras co obxectivos de incrementar o uso da ingua galega en todos os ámbitos tanto interna como externamente.

A moción do BNG para amosar o rexeitamento do pleno ao proxecto de construción dunha macrofactoría de pasta de celulosa de ALTRI en Palas de Rei saíu adiante co voto a favor de todos os partidos os políticos agás o Partido Popular, que se abstivo.

Todos os grupos políticos a excepción do PP votaron en contra da moción dos populares sobre o desmantelamento da seguridade na provincia de Ourense e do custo de ubicar un posto da Garda Civil na Valenzá. Tampouco prosperou, co voto en contra do resto dos grupos, a moción do PP sobre a celebración das sesións no pleno en horario de mañá.

 

 

 

 

 

Novas

CONTENT.1728659764

SINGLE.1728659764