05/10/2023
Barbadás reforza o seu compromiso coa creación de emprego e ofrece un niño empresarial para emprendedores
Barbadás é un Concello comprometido coa creación de emprego. Por iso ofrece un niño empresarial no Centro Empresarial Transfronteirizo aos emprendedores e emprendedoras que queiran poñer en marcha o seu negocio. Trátase dunha ferramenta de apoio aos empresarios coa que se conta dende o 2016 para apoiar aqueles proxectos empresariais viables.
Axudar aos novos empresarios e empresarias a minimizar as barreiras que xorden cando se inicia a andaina empresaria é o obxectivo da concellería de Promoción Económica que lidera José Manuel Morgade. Deste xeito, a través do niño empresarial ofrécense todos os medios técnicos e económicos cos que conta o Concello, como a liña municipal de subvencións a empresas de recente creación.
O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, subliñou que o executivo local fai unha aposta decidida para axudar aos novos empresarios e empresarias “ao mesmo tempo que se dinamiza a economía de Barbadás, cos avances para a creación dunha área empresarial no concello”.
Nesta mesma liña, o edil de Promoción Económica, José Manuel Morgade, insistiu nas facilidades que ofrece ás empresas o niño empresarial, reducindo os considerables gastos que deben afrontar nos seus inicios.
Incubadora dunha empresa referente no sector do tratamento de humidades
O niño empresarial que se oferta quedou dispoñible despois de ser a incubadora, durante os tres últimos anos, da empresa Sanysec, un referente no sector dos tratamentos de humidades e que traslada as súas oficinas. Cederase inicialmente por 12 meses con posibilidade de prórroga ata 36 meses. O beneficiario terá que abonar un custo simbólico ao mes, no que se inclúe mobiliario, equipos informáticos, conexión a Internet, luz, calefacción e servizo de limpeza. Tamén accederase a asesoramento e apoio do persoal técnico do CET.
Os interesados deben presentar a solicitude e a documentación correspondente no Rexistro Xeral do Concello de Barbadás. Será elixida a empresa que obteña maior puntuación segundo a normativa.
O Concello ofrece unha oportunidade idónea para os novos emprendedores que queiran instalarse nun municipio dinámico, cunha situación territorial privilexiada e un dos motores socioeconómicos da provincia.
Data | Adxuntos |
---|---|
05/10/2023 | Ordenanza reguladora niños empresariais PDF [219 KB] |
05/10/2023 | Solicitude niño empresarial PDF [352 KB] |