07/06/2022
Marina é a única muller en Protección Civil de Barbadás e anima a outras “para ter unha agrupación como hai 20 anos”
Sociedade en Barbadás
Veciña da Valenzá, natural do concello de Amoeiro, Hai 46 anos deixou O Carballiño e dende 2004 vive en Barbadás.
- Lembra que en 2009 enfermou gravemente o seu sobriño Julio César, que formaba parte do grupo de Protección Civil do Carballiño. “Sempre falaba de ese traballo e de canto lle gustaba e até me animaba a min para que me engadise á súa agrupación”.
Daquela Marina non o fixo, pero cando chegou á Valenzá para comezar unha nova etapa na súa vida, preguntou os requisitos e deu o paso.
- “Dende que son voluntaria, sempre me sentín moi a gusto e lembro que hai anos había tantas mulleres coma homes, ou máis, pero elas o foron deixando cando se casaron, cousa que non entendo pero animo a outras para que veñan, para formarse e para botar unha man”, detalla.
- Segundo a súa experiencia de aprendizaxe, Marina explica que pasou de candidata a voluntaria tras facer un curso básico, homologado por la Xunta de Galicia a través da Academia Galega de Seguridade Pública.
Con ese curso básico, Marina, e calquera outra persoa candidata, pasa a formar parte da Agrupación de Voluntari@s de Protección Civil de Barbadás.
“Despois funme especializando con outros cursos como, por exemplo, o de excarcelacións para tráfico que fixen en Ribadavia”, engade.
De oficio polbeira
- O dito popular, “cociñeiro antes que frade”, vai coma unha luva para Marina pois entre os seus traballos, está o de carga e descarga de camións nunha empresa familiar de transportes, mentres criaba unha filla e un fillo.
- Mentres viviu, anos atrás, no Carballiño, unha familia de Arcos, próxima a ela, aprendeulle a “picalo polbo” o que a levou até Asturias como polbeira dentro dun restaurante e a estar dispoñible agora para ese traballo sempre que a requiren porque coñece ben o oficio.
“Teño un pequeno equipamento de tesoiras e mandilón persoal e con frecuencia chámanme para a zona de Pontevedra”, relata. Con ese traballo e o de voluntaria de Protección Civil asegura deitarse “moi tranquila e satisfeita do traballo ben feito”.
- Antes traballou tamén nun salón de peiteado, pastelería etc. Pero o que máis lembra son os seus comezos en Barbadás, na agrupación de voluntarios. “Miña primeira intervención foi nuns carnavais, cando tiñamos a base preto do colexio Filomena Dato, e daquela comezamos 3 ou 4 compañeiros a un tempo”.
O sal sempre groso
- Non se pode deixar ir a unha polbeira sen preguntarlle segredos do seu oficio. E ás veces conta algún. No caso de Marina, asegura que a cantidade de auga para a cocción, un “polbo de boa calidade” e o uso de sal groso, son os elementos máis importantes.
- Para ela mesma fai receitas como a de pasalo pola brasa ou guisalo con cebola e allo, acompañado de cachelos.
- E xa cando se lle pregunta por algo que lle gustaría facer, se tivera oportunidade, a resposta vai cara o mesmo: abrir unha tapería de polbo e embutidos de boa calidade e, se pode ser, traballar ao ar libre.
- Se alguén recolle a luva que avise!! Calquera persoa interesada xa sabe onde localizala
Barbadás Quéreo Viveo, Participación cidadá, Seguridade cidadá