20/09/2023
Quince asociacións e o equipo de atención primaria do ambulatorio de Barbadás súmanse á terceira edición do Paseo da Saúde
Xoves, 21 de setembro, nas inmediacións da rotonda da Familia, en A Valenzá
Dar a coñecer o traballo fundamental, e tantas veces esquecido, das asociacións que loitan por axudar a persoas enfermas de diferentes patoloxías e ás súas familias é o obxectivo do Paseo da Saúde de Barbadás, que acada a súa terceira edición co lema “Prevención e saúde”. A iniciativa presentouse esta mañá na Casa da Mocidade e no acto interviñeron a tenente de alcalde, Victoria Morenza; a concelleira de Saúde, Elisabeth González; o edil de Emerxencias, Daniel Rey; a xerente da AECC en Ourense, Carmen Aragonés; a representante da asociación Querendo de mulleres con endometrose, Tania Freire, e a coordinadora da Asociación Autismo Ourense, Lucía Maceiras.
- Elisabeth González explicou que as quince asociacións que traballan por diferentes patoloxías e que se unen á iniciativa contarán con diferentes carpas nas que darán a coñecer o seu labor. Será o 21 de setembro na avenida de Celanova, ao carón da rotonda da Familia. “Estarán con todos nós para ofrecernos información, obradoiros didácticos e interesantes para toda a poboación, polo cal quero convidarvos a todos e todas para que vos acheguedes a coñecelas”.
- En concreto, as entidades que se suman ao Paseo da Saúde de Barbadás son: Afaor, Alcer, Auria, AECC, Aodemper, Por Eles TEA, Affou, Accu, Querendo, Autismo Ourense, Asociación de Celíacos de Galicia, Renacer, AFEM-Morea, Aseia Galicia e Fundación Neuroburgas. Ademais, contarase cona presenza do equipo de atención primaria do centro de saúde.
- Victoria Morenza explicou que o Paseo da Saúde xa é un evento consolidado que engloba a atención primaria e pretende dar coñecer a importancia destas asociacións: “Este Paseo da Saúde é un evento que dá a oportunidade á cidadanía de coñecer de preto o seu traballo e de profundar en aspectos da atención primaria que descoñecían”.
Daniel Rey, concelleiro de Emerxencias, insistiu na importancia da prevención e a divulgación entre os máis novos: “A educación en primeiros auxilios é un pilar fundamental na infancia”.
- Carmen Aragonés agradeceu ao Concello de Barbadás a organización desta iniciativa e insistiu na importancia de sensibilizar á poboación “xa que cada dous minutos detéctase un novo caso de cancro”.
Tatiana Freire, representante da asociación Querendo de mulleres con endometrose, insistiu na importancia de iniciativas como esta e de que as pacientes busquen axuda.
A coordinadora da Asociación Autismo Ourense, Lucía Maceiras, animou á poboación a participar e a coñecer o seu labor.
Obradoiros de primeiros auxilios
- O próximo día 21, e xa dende a primeira hora da mañá, a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Concello de Barbadás acompañará aos nenos e nenas dos colexios que participarán en obradoiros de primeiros auxilios, aos que poderá unirse a cidadanía. Trátase dunha xornada de portas abertas para coñecer un pouco máis o seu traballo.
- Dende as 17.30 horas ofrecerase un obradoiro de merenda saudable para os cativos e cativas e contarase coa visita do Centro Ocupacional As Burgas.
Ademais, instalarase a unidade móbil de doazón de sangue.