Arquivo da etiqueta: Servizo de auga

09/06/2023

Barbadás investirá 33.000 euros para mellorar a rede de abastecemento de auga en San Bieito, garantindo unha presión constante á veciñanza

O Concello de Barbadás, a través da concellería de Urbanismo e Infraestructuras, pilotada pola tenente alcalde, Victoria Morenza, realizará unha importante inversión para mellorar o sistema de abastecemento de auga en San Bieito, parroquia de Piñor, dando así resposta ás queixas persistentes dos veciños sobre a baixa presión da auga que provocou que nalgúns casos varios veciños se deran de baixa do servizo de augas.

Estas melloras representan un paso importante para a mellora dos servizos públicos locais, asegurando un subministro de auga fiable e eficiente para todos os residentes de San Bieito.

A inversión será de 33.000 euros, financiada con cargo á liña 2 do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local da Xunta de Galicia, e fará realidade un proxecto que contempla a construción dunha nova caseta que albergará un sistema de bombeo capaz de manter unha presión mínima de servizo de 3 bares en calquera punto da rede. Isto garantirá un abastecemento constante e fiable de auga potable para todas as vivendas da zona.

As características técnicas do proxecto son extensas e reflicten un compromiso claro coa mellora da infraestrutura local. A caseta, que se proxecta adosada ao depósito existente, albergará dúas electrobombas verticais de 1.15 Kw e un tanque de expansión de aceiro de 700 litros e 10 atmósferas.

A alimentación das bombas realizarase mediante unha acometida soterrada desde un poste existente fronte ao depósito regulador, garantindo así unha integración suave coa paisaxe local. No mesmo proxecto tamén se contempla a reposición do firme necesario para a instalación da tubaxe.

Alén diso, tamén se instalará unha chave de desaugue e unha boca de rego para permitir o baleirado e a limpeza da rede en caso de avaría. Ambas irán aloxadas dentro de cadanseu pozo de formigón en masa con tapa de aceiro.

Novas, , ,

CONTENT.1714350080